O Supremo propón xulgar Ábalos, Koldo e De Aldama por supostas irregularidades na compra de máscaras

O alto tribunal considera que puideron cometer delitos de suborno, tráfico de influencias, malversación e pertenza a organización criminal.

José Luís Ábalos, Koldo García e Víctor de Aldama. (Foto: Europa Press)
José Luís Ábalos, Koldo García e Víctor de Aldama. (Foto: Europa Press)

O maxistrado do Tribunal Supremo Leopoldo Puente propuxo xulgar o ex ministro José Luis Ábalos, o ex asesor ministerial Koldo García e o empresario Víctor de Aldama por presuntas irregularidades nos contratos de máscaras que adxudicou o Ministerio de Transportes durante a pandemia da Covid-19, ao considerar que os feitos poderían ser constitutivos de delitos de suborno, pertenza a organización criminal, tráfico de influencias e malversación.

O instrutor considera que os tres "concertáronse, moi pouco despois de tomar posesión o primeiro do seu cargo como ministro do Goberno de España, para, aproveitando esa circunstancia e a natural influencia que proxectaba, beneficiarse economicamente da adxudicación de contratos que puidesen realizarse no ámbito da Administración Pública, así como para aproveitar no seu beneficio económico cantas oportunidades se lles puidesen presentar de facelo valéndose da mencionada valiosa influencia".

Así consta nun auto, ditado esta mesma segunda feira, no que o instrutor dá dez días de prazo á Fiscalía e ás acusacións populares —lideradas polo PP— para que presenten as súas peticións de arquivo ou os seus escritos de acusación, así como a práctica de dilixencias complementarias.

División da causa

Puente deu este paso despois de que o pasado setembro decidira dividir a causa para deixar na peza principal as investigacións relativas aos contratos de máscaras e dedicar a peza separada á presunta trama de cobranza de comisións a cambio de obra pública.

Naquel momento, xa o maxistrado advertiu de que a parte da investigación relativas ás obras públicas estaba en fase "moi incipiente", pero a relacionada cos contratos de máscaras estaba moi avanzada, "sendo previsíbel a pronta terminación da fase de instrución correspondente" a esa parte principal.

Entregas de diñeiro

Agora, o instrutor sostén que "existen moi consistentes indicios, a partir dos feitos que se declaran como indiciariamente xustificados, de que De Aldama fixo entregas de sucesivas cantidades de diñeiro aos tamén investigados José Luis Ábalos e Koldo García, ao fin e co propósito de que polos mesmos se efectuasen actos contrarios aos deberes inherentes aos seus respectivos cargos públicos".

De igual forma, asegura que tamén hai indicios de que Ábalos e Koldo "recibiron ditas retribucións económicas, en execución do proxecto delituoso que a todos unía, e como contraprestación ás devanditas condutas desleais".

Segundo Puente, nesta presunta trama De Aldama estaba encargado da "localización das empresas ou particulares que estivesen dispostas a satisfacer os pagos correspondentes para contactar ou contratar coa Administración, obtendo por iso un beneficio económico para si".

Pola súa banda, sinala que Koldo, "aproveitando a súa condición de asesor do ministro e a confianza absoluta deste (que o coñecemento polo mesmo dos plans do grupo lle proporcionaba) encargábase de realizar as xestións ordinarias oportunas que, en cada caso, resultasen precisas; reservándose a intervención persoal do ministro para cando a súa firma ou a súa directa influencia fosen indispensábeis".

Comentarios