mércores 26/01/22

Suecia arquiva o caso do magnicidio de Olof Palme

O principal sospeitoso de cometer o magnicidio, o 28 de febreiro de 1986, faleceu no ano 2000.
EuropaPress_3181583_primer_ministro_suecia_olof_palme (1)
O primeiro ministro de Suecia, Olof Palme, foi asasinado en 1986 (Folke Helberg)

O fiscal xeral de Suecia, Krister Petersson, anunciou onte o arquivo da investigación sobre o asasinato o 28 de febreiro de 1986 do entón primeiro ministro do país, Olof Palme, por falecer o principal sospeitoso de cometer o magnicidio, segundo informou o xornal The Local.

O fiscal xeral dixo que Stig Engström, tamén coñecido como O home de Skandia, era o principal sospeitoso de asasinar a Palme cando paseaba pola rúa máis transitada de Estocolmo e avanzou que, ao falecer, a investigación tense que fechar, despois de 34 anos de indagacións.

Petersson realizou o anuncio nunha conferencia de prensa que deu de forma virtual polas restricións derivadas da pandemia do novo coronavirus. Engström traballaba para a compañía de seguros Skandia, cuxa sede se encontra perto do lugar en que foi asasinado o mandatario sueco.

O home de Skandia fora interrogado como testemuña nos primeiros días da investigación mais só emerxeu como potencial sospeitoso hai uns anos. Morreu en 2000, polo que non pode ser imputado polo magnicidio, o que levou a Fiscalía Xeral a decidir o feche das pescudas, segundo explicou Peterson.

A pertenza de Engström a un club de tiro e o feito de se mover en círculos críticos con Palme reforzan a teoría da fiscalía, salientou Pettersson, que lamentou que non haxa probas técnicas que o vinculen co crime, como atopar a arma do crime.

Potenciais inimigos

O carismático primeiro ministro socialdemócrata morreu vítima dun disparo nas costas tras saír dun cine acompañado da muller del, que tamén resultou ferida de bala. O autor fuxiu do lugar coa pistola. Malia que foron interrogadas máis de 10.000 persoas e de que 130 persoas reivindicaron ser os responsábeis do magnicidio, o caso nunca puido chegar a ser resolto.

Eran moitos os potenciais inimigos do controvertido primeiro ministro do Partido Socialdemócrata sueco, admirado e vilipendiado a partes iguais. 

En Suecia, Palme provocou o malestar dos poderes económicos debido a unha serie de reformas que o prexudicaban. Tamén, pronunciouse en contra do armamento nuclear. 

Fóra tampouco pasou desapercibido e criticou o bombardeo de Vietnam do Norte por parte dos EUA, o réxime do apartheid en Suráfrica e a invasión soviética de Checoslovaquia.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Suecia arquiva o caso do magnicidio de Olof Palme
comentarios