Sindicatos do Perú chaman a participar na folga xeral contra Boluarte desta quinta feira

A Confederación Xeral De Traballadores do Perú a pasada segunda feira denunciou a presión policial que sufriron, algo que foi feito, segundo indican, co obxectivo de que non saíse adiante a Asemblea Nacional dos Pobos (ANP).
Protestas contra o Goberno de Dina Boluarte en Lima, Perú (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa).
photo_camera Protestas contra o Goberno de Dina Boluarte en Lima, Perú (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa).

A Confederación Xeral De Traballadores do Perú convocou unha folga en todo o país para esta quinta feira, 19 de xaneiro na Praza 2 de Maio de Lima a partir das 16 horas (hora local).

Foron varias as organizacións sindicais e sociais as que marcharon xa para a capital para se sumaren á protesta.

Dita mobilización ten como obxectivos principais exixir a renuncia de forma inmediata da presidenta Dina Boluarte, pedir unha convocatoria anticipada das eleccións e tamén a composición dunha Asemblea Constituínte.

Presión policial

A Confederación Xeral De Traballadores do Perú a pasada segunda feira denunciou a presión policial que sufriron, algo que foi feito, segundo indican, co obxectivo de que non saíse adiante a Asemblea Nacional dos Pobos (ANP).

As forzas de seguridade rodearon o edificio en que estaba a ter lugar e proferiron ameazas contra os convocadores para impedir dito fin.

Porén, o secretario xeral adxunto da confederación, Gustavo Minaya, declarou que o parón se levará a cabo de forma contundente e nel loitarán “pola indignación, polas mortes e polas vidas que os propios efectivos de seguridade quitaron”.

As manifestacións en Perú comezaron o pasado mes de decembro coa destitución polo Congreso do entón presidente Pedro Castillo, nas cales se reportaron ao redor de 50 vítimas mortais pola violenta represión policial.

Comentarios