A ONU pide ao Estado español e a Marrocos investigar de forma "exhaustiva" o asalto ao valo de Melilla

Urxe identificar e levar ante a Xustiza as persoas responsábeis da masacre para que non se volva repetir
Varias persoas manifestáronse o pasado domingo en Madrid contra as políticas migratorias. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera Varias persoas manifestáronse o pasado domingo en Madrid contra as políticas migratorias. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

O comité de Nacións Unidas para a Protección dos Traballadores Migrantes e as súas Familias instou esta terza feira aos Gobernos do Estado español e Marrocos a abrir "inmediatamente" unha investigación "exhaustiva, independente e transparente" sobre o asalto ao valo de Melilla que tivo lugar a pasada sexta feira e que se saldou con polo menos 23 subsaharianos mortos.

Nun comunicado, o comité condenou os incidentes rexistrados na zona e recalcou que aínda "se debe determinar se as vítimas morreron ao caer do valo, nunha estampida ou como resultado de accións cometidas por gardas fronteirizos".

Xustiza

Así, este grupo experto pide aos dous países "levar aos responsábeis ante a Xustiza" para "evitar que traxedias como esta se repitan" no futuro. Ademais, pediu a Marrocos, ao Estado español e outros países da Unión Europea garantir rutas "seguras" para unha migración "ordenada", ademais de tomar medidas para garantir o respecto do dereito para solicitar asilo.

"Estamos consternados pola morte destes migrantes, que tentaban cruzar a fronteira en busca dunha vida mellor no marco dos seus Dereitos Humanos lexítimos", recolle o texto.

O comité expresou ademais a súa "preocupación e tristeza pola traxedia". "Lamentamos as violacións ao dereito á vida, que é enmarca na Convención Internacional dos Traballadores Migrantes. (...) Lembramos aos Estados que os migrantes non deben ser suxeitos a ningún trato cruel, inhumano ou degradante", sinalou o comité.

Dereito á vida nas fronteiras

"Os Estados deben garantir que todas as políticas e prácticas fronteirizas respectan os Dereitos Humanos e garanten o dereito á vida, a dignidade, a seguridade e a integridade física dos migrantes en todas as circunstancias", insistiu.

O comité, que trasladou aos familiares das vítimas as súas "máis profundas condolencias", fixo fincapé na necesidade de introducir medidas que garantan o acceso á Xustiza para as vítimas e os seus familiares, á vez que ofrece "reparación".

Neste sentido, instou ao Goberno marroquí a preservar os corpos dos falecidos, a identificalos e ofrecer o apoio necesario para o seu traslado, no caso de que sexa necesario.

"Facemos un chamamento a todos os Estados para que respecten os Dereitos Humanos dos migrantes, incluídos os solicitantes de asilo", sinalou, antes de recalcar que a "detención é unha medida excepcional de último recurso".

Comentarios