A UE non reclamará investigar a morte de 37 migrantes en Marrocos

A UE non reclamará unha investigación independente sobre a morte de 37 migrantes en Marrocos e elude a condena do seu rápido enterro. O Goberno español, na mesma liña, evita criticar a Marrocos e apunta cara ás mafias.
Persoas migrantes ficaban amontoadas após a represión policial marroquí na pasada sexta feira. (Foto: AMDH - Nador)
photo_camera Persoas migrantes ficaban amontoadas após a represión policial marroquí na pasada sexta feira. (Foto: AMDH - Nador)

A Unión Europea (UE) anunciou que mantén contactos coas autoridades de Marrocos para "entender os detalles" do salto ao valo de Melilla que se saldou con polo menos 37 persoas mortas, segundo o balance das Nación Unidas (ONU), aínda que evitou pedir unha investigación independente sobre o acontecido e apuntou ao papel das mafias que trafican con persoas migrantes.

"Estamos a falar con autoridades marroquís para entender as circunstancias detalladas do que pasou e coordinámonos estreitamente coas autoridades españolas", afirmou a portavoz de Exteriores da UE, Nabila Massrali, quen evitou pedir unha investigación independente a Rabat ou censurar que as autoridades marroquís estean a enterrar os corpos dos migrantes falecidos.

O portavoz do PSOE, partido que goberna o Estado español, Felipe Sicilia, tamén eludiu esta segunda feira responder se o seu partido está a favor de investigar as mortes producidas no territorio marroquí. Sicilia asegurou que "lamenta as mortes", mais atribuíunas "á rede de mafias que  os utiliza [os migrantes] para enriquecerse" e "poñen en risco as súas vidas".

Pola súa parte, a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) denunciou o domingo que as autoridades de Marrocos están a preparar varias fosas nun descampado para soterrar os inmigrantes subsaharianos e sudaneses asasinados o pasado 24 de xullo na fronteira entre Marrocos e o Estado español.

Nunha imaxe compartida nas súas redes sociais, e posteriormente confirmada por varios medios do Estado español, pode verse como varios traballadores cavan na terra até 23 fosas, o número de pasamentos recoñecido por Marrocos, a pesar de que a ONU cifra en 37 as persoas falecidas.

A Unión Africana condena o trato aos migrantes

A Unión Africana (UA) mostrou a súa preocupación polo "trato violento e degradante" aos migrantes que tentaron cruzar o valo de Melilla e reclamou unha investigación "inmediata" para esclarecer o suceso. 

O presidente da Comisión da UA, Moussa Faki Mahamat, lembrou a todos os Estados "as súas obrigas baixo o Dereito Internacional de tratar a todos os migrantes con dignidade e priorizar a súa seguridade e Dereitos Humanos, á vez que se evita o uso dunha forza excesiva".

A OTAN non se pronuncia sobre Ceuta e Melilla

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, evitou esta segunda feira valorar se Ceuta e Melilla están cubertas polo paraugas da Alianza Atlántica en caso de ataque e lembrou que a hipotética aplicación do artigo 5 depende do Consello do Atlántico Norte e é unha "decisión política".

Stoltenberg limitouse a dicir en rolda de prensa que o artigo 6 xa estabelece o alcance territorial da cláusula de defensa colectiva pero evitou aludir de forma específica ao caso das dúas cidades autónomas, que en principio o Estado español si considera cubertas porque entende que é responsabilidade de cada Estado aliado estabelecer os seus límites xeográficos.

Estas declaracións chegan despois de que Felipe Sicilia defendera que a cimeira da OTAN de Madrid desta semana servirá para incluír "por primeira vez Ceuta e Melilla baixo o paraugas da Alianza Atlántica". É, por tanto, "unha cimeira moi importante para o noso país", afirmou o representante do PSOE.

Comentarios