@s crime@s deciden en referendo o seu futuro, con Rusia como horizonte

Desde as sete da mañá están abertos os colexios electorais onde 1.500.000 votantes decidirán se o seu país se integra en Rusia ou ben se mantén na Ucraína. A consulta decorre con alta participación (un 64% a primeira hora da tarde) e normalidade en Crimea malia a tensión internacional. 

crimea
photo_camera Foto: Russia Today

Por volta de 1.600.000 crime@s teñen dereito a voto nesta consulta, que se realiza este domingo após 24 horas de vertixe. Nunha soa xornada, a do sábado, esta península con pouco máis de 2 millóns de habitantes veu como a Rada suprema de Ucraína (Parlamento) disolvía a Asemblea Popular de Crimea ou como no Consello de seguridade da ONU se debatía sobre a legalidade da súa consulta. Estados Unidos e 13 estados máis pediron que se declarase ilegal, algo vetado por Rusia (China abstívose). Aliás, Kiev acusou Rusia de que 80 militares, con 4 helicópteros e 3 tanques, entraran en territorio ucraíno lindante a Crimea, en Jerson.

Hai 1.208 colexios electorais, onde 1.600.000 crime@s poden exercer o seu dereito a voto. Ás 12:00 a participación alcanzara o 50% segundo medios rusos

Desde as seta da mañá están abertos os 1.205 colexios electorais. O primeiro ministro crimeo, Serguéi Aksiónov, foi dos primeiros en votar. Partidario de se reintegrar en Rusia o sentido do seu voto non é difícil de adiviñar. De feito, todos (medios, analistas internacionais, chancelarías occidentais...) dan por feito que o resultado vai ser favorábel a que Crimea volva a Rusia. O último censo elaborado (de 2001) sinala que nesta península o 59% dos habitantes son rus@s, por un 24% de ucraín@s e un 12% de tártar@s. Representantes destes últimos, a minoría tártara, chamaron a non votar e boicotar a consulta.

Motivacións varias

As cédulas de votación para esta consulta recollen 2 preguntas: “É vostede partidario de a República autónoma de Crimea se unir novamente a Rusia?” e “É vostede partidario de reinstaurar a constitución da República de Crimea e que Crimea sexa parte de Ucraína?”. Vencerá a que teña máis votos sempre que supere o 50%.

A opción vencedora ten que superar o 50% dos votos

O corresponsal Mike Collet explicou en Reuters que as motivacións que moven a gran parte d@s crime@s a optar por volver a Rusia son varias, e non só que sexan eles propi@s rus@s. Apunta así a que hai quen argumenta que é unha vía na que mellorará a situación económica do país. E hai quen, sinala, ve nesa vía a única defensa contra unha Kiev-Ucraína que está en mans de “nazis” e “fascistas” após o “golpe de Maidan”.

A 'Primavera rusa' de Crimea

Richard Galpin, da BBC, destaca que a consulta se estivo a vivir estes días nun ambiente de aparente tranquilidade (se ben escaseaba a propaganda a prol da Ucraína) que contrastaba co balbordo que o referendo causa alén das fronteiras da península.

As reservas de ouro de Ucraína (por valor de 2.000 millóns de euros) foron sacadas do país con destino a Estados Unidos

Tamén hai quen apunta a que é lóxico e democrático que Crimea decida en referendo o que quere ser e con quen. “Máxime tendo en conta que a última decisión ao respecto foi tomada hai 60 anos por un presidente alcólico sen ter en conta a ninguén”. Frase en referencia a Krushev, que en 1954 regalou Crimea a Ucraína.

As reservas de ouro ucraínas saíron para EUA

As reservas de ouro da Ucraína foron trasladadas na madrugada da sexta feira pasada (7 de marzo) para os Estados Unidos, segundo informa o diario ruso Iskra, de acordo con fontes dun ex-alto funcionario do Ministerio das Finanzas ucraíno. Esta información, di, foi confirmada polo ex-executivo do Goldman Sachs, William Kaye, en King World News, que salienta que o ouro foi levado por un longo período de tempo.

Un ex-alto funcionario do Ministerio das Finanzas da Ucraína confirmou que os novos líderes ucraínos, apoiados polos Estados Unidos, ordenou o transporte do ouro para a Reserva Federal dese país. De acordo co World Gold Council, as reservas de ouro da Ucraína eran de 42 toneladas en febreiro deste ano, equivalentes a case 2.000 miillóns de dólares (de ouro, a 1.370 dólares a onza), que ben poden compensar os 5.000 millóns de dólares (en billetes) co que Estados Unidos apoiaron os 'rebeldes' que hoxe están no poder.

Kiev xa afirmou públicamente a súa opinión de que o referendo de Crimea era un limiar para unha invasión rusa.

Comentarios