Rusia sinala un segundo cidadán ucraíno como cómplice do asasinato da filla de Alexander Dugin

Segundo a versión da intelixencia rusa, este home axudou Natalia Pavlovna Vovk, principal sospeitosa para Moscova de ser a autora material do asasinato de Dugina.
Velorio de Darya Dugina. (Foto: AFP)
photo_camera Velorio de Darya Dugina. (Foto: AFP)

O Servizo Federal de Seguridade Ruso (FSB) informou esta segunda feira da presunta participación de Bodán Tsiganenko, un cidadán ucraíno, como cómplice do asasinato de Darya Dugina, filla do filósofo e politólogo ruso Alexander Dugin, o pasado 21 de agosto.

Segundo a versión da intelixencia rusa, este home axudou Natalia Pavlovna Vovk, principal sospeitosa para Moscova de ser a autora material do asasinato de Dugina, “proporcionándolle matrículas de coche falas e documentos a nome de Yulia Zaiko, unha cidadá real de Kazajistán”.

Aliás, Tsiganenko tería participado na fabricación do explosivo caseiro que rematou coa vida da filla de Dugin, relacionado con partidos de extrema dereita de toda Europa, “nun garaxe alugado no suroeste de Moscova”.

O FSB tamén compartiu imaxes deste cidadán ucraíno entrando en Rusia o pasado 30 de xullo, e, segundo os datos achegados pola intelixencia rusa, tería abandonado o país horas antes de que se cometera o atentado.

Asasinato de Darya Dugina

O pasado 21 de agosto, medios de comunicación rusos comunicaron o asasinato de Darya Dugina, despois de que o seu vehículo estourase ás aforas de Moscova.

48 horas despois do falecemento, os servizos de intelixencia rusos sinalaron Natalia Pavlovna Vovk como presunta autora do atentado. “A executora é Natalia Pavlovna Vovk, nada en 1979 e que chegou a Rusia o 23 de xullo de 2022 xunto coa súa filla Sofía Mijailovna Shaban, nacida en 2010″, subliñaba o FSB nun comunicado.

A intelixencia do Kremlin explicou que Pavlovna alugou un piso en Moscova e un vehículo con diferentes matrículas para vixiar o seu obxectivo. Após consumarse o asasinato de Dugina, esta cidadá tería fuxido a través da fronteira rusa con Estonia.

O FSB non detallou se o obxectivo final era a filla de Alexander Dugin ou se realmente o artefacto explosivo pretendía dar morte ao filósofo ruso. Unha versión compartida por persoas próximas a Dugin, que explicaron a medios locais que ese mesmo día tiña pensado ir no coche coa súa filla, pero que no último momento decidiu non acompañala.

Comentarios