Quen é Natalia Pavlovna Vovk, acusada por Rusia de asasinar a filla de Alexander Dugin?

Kíiv negou ter calquera vinculación co atentado.
O filósofo e politólogo ruso Alexander Dugin. (Foto: Europa Press)
photo_camera O filósofo e politólogo ruso Alexander Dugin. (Foto: Europa Press)

O Servizo Federal de Seguridade Ruso (FSB) sinalou Natalia Pavlovna Vovk como autora material do asasinato da filla do filósofo e politólogo ruso Alexander Dugin. Darya Dugina, como así se chamaba, faleceu o sábado, após o seu coche estourase na rexión de Moscova.

Segundo a versión dos servizos de intelixencia rusos, esta muller, de 43 anos de idade e de nacionalidade ucraína, executou a misión encargada polo Goberno ucraíno. “A executora é Natalia Pavlovna Vovk, nada en 1979 e que chegou a Rusia o 23 de xullo de 2022 xunto coa súa filla Sofía Mijailovna Shaban, nacida en 2010″, subliña o FSB nun comunicado.

A intelixencia do Kremlin explica que Pavlovna alugou un piso en Moscova e un vehículo con diferentes matrículas para vixiar o seu obxectivo. Após consumarse o asasinato de Dugina, esta cidadá tería fuxido a través da fronteira rusa con Estonia.

O FSB non detalla se o obxectivo final era a filla de Alexander Dugin ou se realmente o artefacto explosivo pretendía dar morte ao filósofo ruso. Unha versión compartida por persoas próximas a Dugin, que explicaron a medios locais que ese mesmo día tiña pensado ir no coche coa súa filla, pero que no último momento decidiu non acompañala.

O propio filósofo, que tivo que ser hospitalizado despois de coñecer o pasamento, compartiu unha carta na que dá por boa a versión do FSB e define a morte de Darya Dugina como "un sacrificio pola súa nación".

Kíiv nega ter vínculos co asasinato

Pola súa parte, o Goberno ucraíno negou no día de onte ter calquera vinculación co ataque. En palabras do asesor principal da Presidencia de Ucraína, Mijailo Podoliak, "Kíiv non ten absolutamente nada que ver con isto porque non somos un Estado terrorista ou criminal como Rusia".

O asasinato de Dugina e posíbel intento asasinato do seu pai ocorren só tres días antes de que se cumpran seis meses do comezo da intervención bélica de Rusia en territorio ucraíno.

Neste sentido, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, leva días asegurando que a intelixencia do país descubriu que o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, prepara unha nova ofensiva en solo ucraíno con motivo da conmemoración do medio ano do conflito.

Comentarios