Rusia anuncia a retirada da cidade de Khersón e do oeste do Dniéper

Vladimir Putin, presidente de Rusia. (Foto: Kremlin / dpa)
Zelenski define a situación en Donetsk como "difícil" mentres medios internacionais sitúan Khersón como o principal foco dos combates nas vindeiras semanas, mais só na marxe leste do río Dniéper, tras o anuncio da retirada das tropas rusas do resto da rexión.

Sergei Shoigu, ministro de Defensa de Rusia, trasladou onte que ordenou ao Exército que se retire da marxe oeste do río Dniéper na rexión de Khersón, o que implica a retirada da cidade homónima e capital do oblast. Argumentando a dificultade de manter o abastecemento á urbe, Shoigu indicou que “a vida e saúde dos militares rusos son sempre unha prioridade”, así como que “temos que ter en conta as ameazas á poboación civil”.

No bando ucraíno, o conselleiro principal do presidente Volodimir Zelenski, Mykhailo Podolyak, aseverou que aínda quedan tropas rusas na cidade. “Até que a bandeira ucraína ondee sobre Khersón, non ten sentido falar dunha retirada rusa”, destacou.

Pola súa parte, Zelenski explicou que a situación na fronte de guerra na rexión de Donetsk é “difícil”, sinalando que as tropas ucraínas están a atacar as posicións do Exército ruso para permitir as operacións da infantería na área de Bakhmut, un dos principais obxectivos militares de Moscova nestes intres.

Corredor humanitario

Os Estados Unidos e a Unión Europea están a obstaculizar as exportacións de grans e fertilizantes rusos por medio de sancións que inciden nos seguros de transporte, acceso aos portos e outros elementos loxísticos, sostivo onte a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores de Moscova, Maria Zajarova, en declaracións recollidas por Reuters.

“Teremos isto en conta á hora de decidir a prórroga do acordo”, reiterou, en referencia ao pacto para permitir a saída de cereais ucraínos polos portos do mar Negro asinado xunta Kíiv, Ancara e a Organización das Nacións Unidas (ONU), e que finaliza o próximo 19 de novembro. Este acordo tamén inclúe a liberación das trabas que impiden a saída dos produtos de Rusia, un dos maiores provedores mundiais neste eido.

A finais de outubro Rusia suspendeu durante catro días a súa participación no corredor humanitario, tras un ataque ucraíno contra buques militares e civís que participaban na ruta, volvendo ao acordo despois de declarar ter recibido garantías do resto de países.

Turquía frea a entrada na OTAN dos países nórdicos

Ao respecto da entrada de Suecia e Finlandia na Organización do Tratado do Atlántico Norte, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, adiou até despois das eleccións xerais de xuño de 2023 a decisión final do lexislativo do país, o único onda Hungría que aínda non ratificou o ingreso dos países nórdicos.