As sancións a Rusia levan a Alemaña ao empobrecemento

A Unión Europea tense caracterizado polo seu aliñamento con Estados Unidos no conflito de Ucraína. Neste sentido, mantén unha posición moi activa a favor das sancións a Rusia. As consecuencias xa se deixan notar en Alemaña.

Planta de procesamento de gas natural ruso en Lubmin, Alemaña. (Foto: Stefan Sauer / dpa)
photo_camera Planta de procesamento de gas natural ruso en Lubmin, Alemaña. (Foto: Stefan Sauer / dpa)

A última alarma chega de Alemaña. Precisamente, a primeira potencia da Unión Europea prepárase para a deslocalización do grupo Basf, a compañía química máis grande do mundo, fundada a  finais do século XIX.

O principal centro de traballo dá compañía emprázase na cidade alemá de Ludwigshafen. O complexo industrial, considerado o máis extenso de Europa ocupa unha superficie de 10 quilómetros cadrados, un centro de produción con 2.000 edificios e 115 quilómetros de rúas.

A compañía da emprego directo en Ludwigshafen a máis de 40.000 persoas. A maiores ocupa a outros 60.000 traballadores en diversos Estados europeos, entre eles o español. A empresa está presente desde hai décadas nos cinco continentes.

Uns custos de produción non asumíbeis

Os custos de produción da factoría de Ludwigshafen non son asumíbeis para Basf, que no terceiro trimestre deste ano reduciu os seus beneficios na Unión Europea en 37%, até recoñecer unhas perdas para a súa división en Alemaña de perto de 500 millóns de euros.

O quipo directivo de Basf ten decidido reducir a súa produción na Unión Europea e preparara o feche da súa fábrica de Ludwigshafen. Neste sentido, o CEO da compañía, Martin Brudermüller, vén de facer público o traslado da actividade a China. Nesa dirección, acaba de anunciar a construción dun novo complexo industrial cun investimento de 10.000 millóns de euros en Zhanjiang, no sur da China.

Brudermüller sinala que a suba da enerxía “en Europa pon en perigo a competitividade internacional dos produtores europeos e obrígannos a adaptar as nosas estruturas de custos canto antes e tamén de forma permanente”.

A particular dependencia ao gas ruso da industria alemá faina particularmente vulnerábel as oscilacións do seu prezo. A maiores, os Estados UE converteron ao gas como enerxía de reserva no marco da transición enerxética.

Máis do mesmo en Mercedes Benz

O caso da Basf repítese con outras grandes empresas alemás. Así, por exemplo, o xigante do automóbil, Mercedes Benz, admitiu nos seus últimos resultados -presentados este cuarta feira- que o seu negocio  na UE está a "debilitarse" pola crise enerxética, representando China 42% das súas vendas totais.

A tendencia da Basf ou da Mercedes Benz é común a outras empresas da zona euro. Sen ir máis lonxe, outra compañía química do sector do automóbil, a francesa Michelín, prepárase para reducir a súa produción na UE á metade e pór rumbo a China ou Vietnam.

O Estado español sufre, tamén, polas sancións a Rusia. A suba dos prezos enerxéticos ameaza a grande industria metalúrxica e química, como se observa nos Expedientes Temporais de Regulación de Emprego (ERTE) presentados nas últimas semanas. Só Arcelor Mittal, que tamén, esta reducindo a súa exposición a UE mandou ao ERTE  no Estado a 7.000 empregados.  

Comentarios