Guterres visita Ucraína e Rusia pide que se implique en Zaporiyia

Entran en vigor as restricións en Estonia contra a cidadanía rusa o mesmo día que o secretario xeral da ONU se reúne cos presidentes de Ucraína e Turquía. Ao tempo, Moscova ofrece probas de que non contan con armamento pesado na central nuclear de Zaporiyia.
Erdogan, Zelenski e Guterres, a quinta feira. (Foto: Turkish Presidency / DPA)
photo_camera Erdogan, Zelenski e Guterres, a quinta feira. (Foto: Turkish Presidency / DPA)

António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), Recep Tayyip Erdogan, presidente de Turquía, e Volodimir Zelenski, mandatario ucraíno, reuníronse onte en Leópolis, no país eslavo, para abordar o desenvolvemento da guerra.

O líder de Ancara reiterou a súa dispoñibilidade de exercer como intermediario para conseguir un alto o fogo, despois de auspiciar xunta a ONU as conversas que permitiron alcanzar un acordo para exportar o gran ucraíno polo mar Negro. Arredor desa cuestión, o Ministerio de Defensa do país sinalou que 622.000 toneladas de cereais saíron desde eses portos no último mes, desde que foi asinado o pacto.

Pola súa banda, Zelenski puxo o foco en que Rusia “debe retirarse do territorio da planta de enerxía nuclear [de Zaporiyia]” para garantir a seguridade nuclear. Non obstante, Kiev recoñeceu ter bombardeado a central en múltiples ocasións nas últimas semanas, xustificándose en que Rusia a convertera nunha base militar desde que tomou o control da zona a comezos de marzo.

Nese sentido, o Ministerio de Defensa ruso, que convidou en distintas ocasións tanto a Guterres como o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) a visitar a planta, insistiu onte en que “non dispoñemos de armas pesadas no complexo da central e as zonas adxacentes, alí só hai unidades que se encargan da seguridade”.

Asemade, fixo fincapé en que Kiev busca “unha ruidosa provocación” para acusar Rusia do accidente nuclear. O titular do Ministerio, Sergei Shoigu, comunicou a Guterres que están preparados para amosar á ONU e á OIEA imaxes en alta resolución da central, que demostran que non conta con armamento militar. “Todo o continente europeo é refén” da “chantaxe nuclear” ucraína, ratificou a voceira de Asuntos Exteriores, Maria Zajarova.

Restricións contra Rusia

Amais, onte entraron en vigor as restricións de Estonia contra a cidadanía rusa, que implican que xa non se emitirán visados e que queda prohibida a entrada ás persoas que xa tiñan una visa emitida por motivos turísticos, deportivos, culturais ou de negocios. Pola contra, poderá entrar quen teña unha visa doutro Estado do espazo Schengen.

En Finlandia, o Ministerio de Defensa fixo pública a apertura dunha investigación preliminar para determinar se dous avións militares rusos violaron o espazo aéreo finlandés na área da cidade de Porvoo, perto da fronteira con Moscova.

Comentarios