Caso 'Pegasus'

Robles defende a directora do CNI e desbota dimitir

División no Goberno estatal após desouvir a ministra as peticións de dimisión. Paz Esteban (CNI), pola súa parte, comparecerá esta quinta feira polas presuntas espionaxes nunha sesión que decorrerá a porta fechada.
A ministra Margarita Robles compareceu esta cuarta feira no Congreso polo caso 'Pegasus'. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera A ministra Margarita Robles compareceu esta cuarta feira no Congreso polo caso 'Pegasus'. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A ministra de Defensa, Margarita Robles, apoiou esta cuarta feira a directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, de quen dixo que "está a ter que aguantar estoicamente" imputacións que, segundo asegurou, "non se corresponden coa realidade".

Robles respondeu así na Comisión de Defensa do Congreso dos Deputados ás críticas pola presunta espionaxe a líderes independentistas co programa Pegasus e insistiu en rexeitar as acusacións "sen base probatoria" ao centro de intelixencia, que "non se pode defender" polo secreto legal que rexe as súas actuacións.

"O CNI ten un deber de secreto e é moi cómodo que alguén diga que o CNI fixo algo", lamentou, apuntando que a súa directora dará todas as explicacións necesarias esta quinta feira ante a Comisión de Gastos Reservados, que decorrerá a porta fechada. Neste contexto, reivindicou que os tribunais de Xustiza son os que dirimen as responsabilidades e animou a acudir a eles a toda persoa que pense que foi vítima dun delito.

Así, lembrou o que fixo o Goberno a respecto da espionaxe ao seu propio teléfono móbil e ao do presidente, Pedro Sánchez. Ademais, obviou a quen piden a súa dimisión, como veñen solicitando BNG, ERC e outras forzas políticas nas últimas datas, e sostivo que ela é unha "servidora pública" que cre nos tribunais e a presunción de inocencia.

Institucións "serias e fiábeis"

Robles insistiu en que os funcionarios traballan "nos destinos máis variados", de forma "anónima" e sen buscar "publicidade". "A Unión Europea sabe que España é un país serio, con institucións sólidas, fiábeis e cun compromiso inequívoco co Estado de Dereito, e que todos os servidores públicos actúan só e exclusivamente conforme a legalidade", reivindicou.

"Iremos aos tribunais porque non hai nada que ocultar", dixo Robles

Neste senso, garantiu que o Goberno acudirá aos tribunais sempre que for preciso, xa que, dixo, "nunca hai nada que ocultar". A ministra subliñou que non acepta "especulacións" nin acusacións "sen probas". "Non vai poder ninguén coa fortaleza das persoas de lei que cumpren coa legalidade e que están en todo momento arrimando o ombreiro nun acto de xenerosidade e non na descualificación permanente ás institucións", aseverou.

"Tolerancia cero" con estes delitos

A respecto do informe de Citizen Lab que desvelou a presunta espionaxe a varios líderes independentistas, Robles rexeitou as "elucubracións" baseadas no informe "dun laboratorio", en referencia ao devandito organismo. Aliás, fixo fincapé en que as escoitas ilegais sen autorización xudicial non son só politicamente rexeitábeis, senón que constitúen "un delito con maiúsculas" cuxa persecución corresponde aos tribunais.

"Tolerancia cero cos delitos, tolerancia cero coas escoitas ilegais sen autorización xudicial e apoio máximo aos xuíces —repetiu en varias ocasións—. Aquí algúns queren un escándalo porque lles vai ben para tapar outras cuestións, pero isto é un delito, que é moito máis grave; vaiamos aos tribunais".

División no Goberno

Pola súa parte, o deputado de Unidas Podemos (UP) Pablo Echenique instou Robles a "asumir responsabilidades políticas ao máximo nivel" polo que considera o "maior escándalo da historia recente", nunha situación que hoxe, dixo, é "insostíbel". A ministra replicou lembrando que "todo o Goberno ten acceso" aos informes do CNI.

Comentarios