Caso 'Pegasus'

A ministra Robles xustifica a espionaxe: "Que ten que facer un Goberno cando alguén declara a independencia?"

A titular de Defensa recibe duras críticas, tamén dos seus socios de goberno: "Hoxe Fernández Díaz voltou ao Congreso reencarnado en Margarita Robles", dixo Jaume Asens.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, xunto ás titulares de Xustiza, Pilar Llop (esquerda), e Facenda, María Jesús Montero (dereita), esta cuarta feira, no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa, Margarita Robles, xunto ás titulares de Xustiza, Pilar Llop (esquerda), e Facenda, María Jesús Montero (dereita), esta cuarta feira, no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A ministra de Defensa, Margarita Robles, compareceu esta cuarta feira no Congreso no marco da sesión de control ao Goberno. Ante os reproches das forzas políticas soberanistas por mor do presunto caso de espionaxe a líderes independentistas co programa israelí Pegasus, e malia que nun primeiro intre negara de forma rotunda as acusacións, desta volta deixou entrever que o Executivo español si exerceu esas prácticas.

"Eu pregúntolles: Que ten que facer un Estado ou un Goberno cando se vulnera a Constitución, cando alguén declara a independencia, corta as vías públicas ou ten relacións con dirixentes políticos dun país que está a invadir Ucraína?", replicou, tras a intervención da deputada da CUP Mireia Vehí.

Robles lamentou "non poder falar abertamente" desta cuestión porque a lexislación vixente "impide detallar as actuacións do CNI [Centro Nacional de Intelixencia]", incluíndo, dixo, os programas que utiliza. De feito, a pasada semana retrucaba: "É moi fácil acusar sen probas o CNI porque non pode defenderse".

"Vénlles ben aparecer como vítimas, pero non lles ouvín nunca defender os principios básicos do Estado de dereito e os dereitos e liberdades de todos os cidadáns", sostivo, respondendo a Vehí.

Con todo, a titular de Defensa garantiu que "tanto o Goberno como os seus organismos públicos" cumpren "escrupulosamente" a lei, e emprazou á comisión de Gastos Reservados do Congreso para obter todas as explicacións, xa que as actuacións do CNI están suxeitas a segredo por lei. "Se cadra moitos dos que agora dan leccións terán que calar cando se vexan as actuacións que tiveron", avisou.

"Fernández Díaz voltou ao Congreso"

As críticas a Robles chegaron tamén dos seus socios de goberno. Jaume Asens, líder do grupo parlamentario de Unidas Podemos (UP), foi especialmente duro coa ministra: "Hoxe [Jorge] Fernández Díaz [o ex ministro de Interior] voltou ao Congreso reencarnado en Margarita Robles", dixo.

Xa na terza feira, o deputado de UP Pedro Honrubia dixo: "Pura cloaca. Unha fodida (sic) vergoña. Para empezar, para moitos dos seus compañeiros e compañeiras do PSOE, malia que se tes Robles de Ministra de Defensa xa sabes o que pode pasar en situacións así. Cada cal vén de onde vén e iso ao final sempre acaba emerxendo".

Postura do BNG

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu a dimisión inmediata de Robles: "Isto de Margarita Robles é gravísimo. Recoñece no Congreso que o Goberno espiou ilegalmente dirixentes de partidos legais e tenta xustificalo politicamente".

O deputado nacionalista asegurou que a responsábel directa dunha actuación tan grave "non pode continuar un minuto máis no seu cargo e debe ser cesada ou dimitir"

"Cremos que toda esta actuación ilegal debe ser esclarecida, que o Goberno debe asumir as súas responsabilidades e que se debe garantir que nunca máis se actúa ilegalmente contra forzas políticas democráticas", salientou Rego.

Comentarios