O 20 por cento do PIB do país en créditos incobrábeis

O resgate da banca, na axenda política da Italia post-Renzi

A banca italiana acumula créditos incobrábeis por valor de máis de 330 mil millóns de euros, o 20 por cento do PIB do país. O goberno que releve o demitido Matteo Renzi terá de lidar co problema do seu resgate.

Monte dei Paschi di Siena
photo_camera Un edificio do Monte dei Paschi di Siena

Con Renzi ou sen Renzi, o principal problema para as elites políticas do país é como conseguir o resgate da banca italiana, que acumula créditos tóxicos por un valor que se acha na contorna dos 330 mil millóns de euros.

Non é un asunto fácil de resolver, nomeadamente após Berlín ter imposto a Bruxelas que calquera resgate con fundos públicos se faga sobre a base dunha co-participación de accionistas e tenedores da débeda no pagamento da factura. A cuestión é especialmente espiñenta en Italia porque a grande maioria dos proprietarios dos bonos emitidos pola banca son pequenos aforradores, en cuxas mans as entidades financeiras terían colocado nos últimos anos por volta de 170 mil millóns de euros.

O exemplo máis flagrante do colapso do sistema financeiro é o Monte dei Paschi, un banco que neste momento ten un valor bursátil de apenas 570 millóns de euros (as súas accións deprezáronse o 84 por cento neste ano) e que ten en créditos maus, virtualmente incobrábeis, nada menos que 30 mil millóns de euros.

Para saír deste sarillo, o Monte dei Paschi precisaría capitalizarse este mesmo ano nunha cantidade non inferior aos 5 mil millóns de euros e nesa dirección xa ten convertido débeda en accións por un monto de arredor de mil millóns de euros.

As grandes cifras da banca italiana non convidan precisamente a investir nela. Apresenta un ratio de mora do 16 por cento, só superado por Chipre, Grecia e Portugal. O ratio de impagamentos dos empréstimos ás pemes rolda o 30 por cento e o das hipotecas, o 13 por cento. Todo isto no contexto dun país que, embora ser a terceira economía da UE, ten un endebedamento do 132 por cento do seu PIB.

Na bolsa, a banca italiana non reaxiu mal esta terza feira á derrota de Renzi. En realidade xa a daba por amortizada. O certo é que a solución dos seus problemas está máis en Berlín do que en Roma. Merkel non terá doado convencer a opinión pública do seu país dun novo resgate multimillonario da banca dun país do sul. Claro que a chanceler tamén ten un problema e non menor, chámase Deutschebank. Ese si que sería demasiado grande para caer.

Comentarios