Arabia Saudita, o Estado non OTAN onde España exportou máis armas

As boas relacións do Estado español con Arabia Saudita van alén do diplomático e baséanse, nomeadamente, na venda de armas. Así o evidencian as cifras oficiais do Ministerio de Economía. Arabia Saudita foi Estado fóra da OTAN onde España exportou máis armamento.

Rey_Almuerzo_Príncipe_Arabia_20180412_06
photo_camera Xantar en abril de 2018.

O informe anual Estatísticas españolas de exportación de material de defensa, publicado polo Ministerio de Economía, revela que Arabia Saudita, país que vulnera os dereitos humanos e que desenvolve unha intervención militar en Iemen desde 2015, foi o Estado non pertencente á OTAN onde España exportou máis armamento. Foron 270,2 millóns de euros do total de 4.346 millóns de todo 2017, unha cifra que bate marcas.

Arabia Saudita mercou, segundo o Ministerio, un avión de transporte, avións non tripulados, plataformas porta morteiros, granadas de morteiro, munición de artillería ou elementos ópticos de equipos de integración de sensores para detección, entre outros.

En abril deste mesmo ano o rei Felipe VI recibía na Zarzuela o príncipe herdeiro saudita, Mohamed bin Salmán, para asinar un acordo para mercar material de Defensa. Material que non está reflectido no citado informe, que é relativo a 2017.

Amnistía Internacional ten denunciado que as armas españolas son empregadas en guerras como a do Iemen. Abundan as denuncias contra Arabia Saudita pola violación do dereito internacional debido aos ataques contra a poboación civil.

Outros países: O Iraq, Exipto, Israel e Turquía

Outros Estados que non respectan os dereitos humanos e aos que o Estado español vende armas son O Iraq –33,3 millóns en munición para armamento lixeiro–; Exipto –12,6 millóns en pezas de aviación e de barcos de guerra, paracaídas e repostos para blindados, tanques e maquinaria diversa–; Israel –1,4 millóns en sistemas electroópticos de vixilancia, observación e detección de brancos, equipos para o motor do helicóptero Tigre do Exército do Aire español, material para buques patrulleiros ou munición de artillería– ou Turquía –301,5 millóns en avións compoñentes para barcos e avións, munición, granadas...–

No seo da UE, as exportacións representaron o 63,7% do total, 2.766,2 millóns de euros. As vendas estiveron distribuídas principalmente entre Alemaña (1.213,0 millóns), o Reino Unido (949,9 millóns), Francia (422,1 millóns) e Italia (90,3 millóns).

Comentarios