A reforma das pensións en Francia entra na recta final no lexislativo

Senado e Asemblea Nacional, pendentes de votar e aprobar de forma definitiva o proxecto de reforma das pensións en Francia, que viviu masivas mobilizacións contra a mudanza a cuarta feira.
Marcha a cuarta feira en Occitània. (Foto: Adrien Fillon / Zuma Press Wire / Dp / Dpa)
photo_camera Marcha a cuarta feira en Occitània. (Foto: Adrien Fillon / Zuma Press Wire / Dp / Dpa)

A comisión mixta de deputados e senadores na Asemblea Nacional francesa acordou a cuarta feira a elevación da idade de xubilación no país, que pasará de 62 anos a 64 en 2030, nun dos últimos trámites antes de que as dúas Cámaras teñan que validar o texto pactado, que integra as versións debatidas en cada un dos órganos.

Este documento será presentado moi probabelmente a quinta feira, explican os medios franceses. Ao longo da xornada, o Senado e a Asemblea Nacional poderían aprobar a norma dependendo dos apoios previstos para a proposta, garantidos no Senado mais non tan claros no caso da Asemblea, a pesar de que o Executivo fixo público que ten votos suficientes.

Nese contexto, millóns de persoas mobilizáronse en vilas e cidades do Estado na oitava xornada de mobilización xeral convocada polas forzas sindicais para exixir a retirada da reforma, o que tamén solicita arredor de 70% da poboación francesa en base ás enquisas, un apoio que aumenta até 74% entre as mulleres, desvela un estudo do instituto Elabe, após admitir o Goberno que a mudanza as penalizaría de forma especial. Na actualidade, as súas pensións medias teñen unha contía 40% máis reducida que as dos homes.

As protestas prodúcense despois de máis dunha semana de folgas en distintos sectores, como o enerxético ou o dos transportes. Así e todo, é a greve no tratamento do lixo á que máis impacto está a xerar a nivel internacional, ao acumularse 7.000 toneladas nas rúas da capital, París, o que levou o Concello a tratar de controlar a situación contratando empresas privadas.

Traballadores do ámbito, moi afectado pola reforma ao engadir dous anos máis de traballo, denuncian as consecuencias físicas da ocupación, que tamén se estenden aos operarios do sistema de augas residuais, que tamén terán que traballar dous anos máis a pesar de que os datos oficiais refiren que teñen o dobre de probabilidades de morrer antes dos 65 que o resto da poboación.

As folgas e protestas continúan

Na meirande parte das refinarías e terminais de gas natural licuado, as traballadoras e traballadores decidiron prorrogar a folga cando menos unha semana máis, nunha greve que está a provocar unha caída na xeración eléctrica do país por efecto da folga nas centrais térmicas e nucleares.

“De non ter saído á rúa, o texto xa estaría votado”, subliñou Philippe Martinez, secretario xeral da Confederación Xeral de Traballadores de Francia, que insistiu en que aínda que a reforma sexa aprobada as mobilizacións continuarán.

Comentarios