Un millón de persoas saen á rúa en Francia contra o atraso da idade de xubilación aos 64 anos

A xornada de protesta, a sétima mobilización semanal consecutiva, foi convocada polos principais sindicatos franceses, coa Confederación Xeral de Traballadores (CXT) á cabeza.
Manifestación contra a reforma das pensións na cidade francesa de Marsella, este sábado (Foto: Gilles Bader / Zuma Press / Contacto Photo).
photo_camera Manifestación contra a reforma das pensións na cidade francesa de Marsella, este sábado (Foto: Gilles Bader / Zuma Press / Contacto Photo).

Un millón de persoas manifestáronse este sábado en toda Francia para protestar contra a reforma do sistema de pensións que impulsa o Goberno galo do presidente Emmanuel Macron, segundo as entidades impulsoras, das cales 300.000 estarían só na protesta de París.

O plan do Executivo francés, que se atopa en plena fase de tramitación parlamentaria, propón elevar de 62 a 64 anos a idade oficial de xubilación, ampliar os anos de cotización necesarios para recibir a pensión máxima e eliminar os réximes específicos que existen a día de hoxe para certos sectores.

A xornada de protesta, a sétima mobilización semanal consecutiva, foi convocada polos principais sindicatos franceses, coa Confederación Xeral de Traballadores (CXT) á cabeza, mentres que a oposición política a Macron tamén apoiou as mobilizacións.

O líder da Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, estivo presente na manifestación de Marsella xunto a 7.000 persoas. "Creo que necesitamos unha saída democrática desta situación de impás", afirmou o dirixente de esquerda, que apoiou así a opción da consulta popular sobre a reforma.

"O señor Macron non nos deixa outra posibilidade. Esperamos que nuns días acabe entendendo que isto non pode seguir así", engadiu. "Nunca tivemos a impresión de que o poder fose tan débil e, ao mesmo tempo, novidoso, ridículo, con demasiadas palabras, xestos inapropiados", indicou.

Pola súa parte, o secretario xeral da Confederación Xeral de Traballadores (CXT), Philippe Martínez, declarou ao comezo da manifestación de París que "se (Macron) está tan seguro de si mesmo, convidámoslle a que consulte aos franceses". "É democracia", remachou. Para Martínez, "a maioría é absoluta na oposición a esta inxusta reforma e no apoio ás mobilizacións e ás folgas", engadiu o dirixente sindical.

O sindicato Forza Obreira (FO) denunciou o "desprezo" de Macron ante a contestación. "A súa resposta é unha forma de desprezo", apuntou o secretario xeral de FO, Frédéric Souillot, en referencia á negativa de Macron a sequera recibilos. Por iso Souillot avogou polo "bloqueo da economía" se o presidente segue facendo oídos xordos ás demandas das manifestacións.

Folgas contra a reforma

Mentres, continúan as folgas contra a reforma das pensións. Este mesmo sábado a Dirección Xeral de Aviación Civil (DGAC) pediu ás aeroliñas que cancelen 20% dos seus voos previstos para o sábado e o domingo en varios aeroportos, incluído o París-Orly, debido á folga de controladores aéreos.

"Para o día 11 de marzo, o tráfico aéreo quedará interrompido nos aeroportos de París-Orly, Marsella, Toulouse, Nantes e Bordeus", informou a pasada cuarta feira a DGAC. O domingo veranse afectados os aeroportos de Orly, Marsella e Toulouse.

Comentarios