Francia pacta cos supermercados un cesto da compra 'antiinflación'

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación español, Luis Planas, valorou de forma "positiva" a iniciativa do Executivo galo
Carrefour foi a cadea de supermercados, entre as analizadas por Facua, que máis aumentou o prezo dos produtos durante o último ano no Estado español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carrefour foi a cadea de supermercados, entre as analizadas por Facua, que máis aumentou o prezo dos produtos durante o último ano no Estado español. (Foto: Nós Diario)

Meses despois de que Carrefour lanzase no Estado español a promoción '30 produtos por 30 euros' no marco da crecente inflación, o xigante da distribución vén de acordar, canda outras cadeas de supermercados, reducir as súas marxes de beneficios en determinados produtos que levarán a etiqueta común de 'trimestre antiinflación'. A iniciativa é froito da negociación co Goberno francés e, a diferenza da proposta de Carrefour España, criticada por incluír chocolate branco ou pan de hamburguesa e excluír produtos frescos como froita, carne, leite ou ovos, neste caso primaranse os alimentos saudábeis.

Cada supermercado terá vía libre para determinar, dentro dos criterios estabelecidos, que produtos inclúe no cesto de "produtos asequíbeis", dispoñíbel a partir de mediados de marzo. "Estamos nun país que cre na liberdade de comercio. Non nos corresponde a nós fixar os prezos, senón que é cada distribuidor o que fará os esforzos que desexe nun certo número de produtos que el defina. Nós simplemente comprobaremos de que se respecten os compromisos adquiridos polo distribuidor", precisou o ministro de Economía, Bruno Le Maire.

No caso de Carrefour, ofrecerase un cesto da compra "básico e de nutrición" composto por 200 produtos a prezo conxelado e por menos de dous euros cada un. Haberá verduras frescas, ovos, iogures, pan, leite e cereais, entre outros alimentos considerados esenciais.

Tamén confirmou a súa participación nesta iniciativa a cadea Intermarché, que porá a disposición do público medio milleiro de artigos que incluirán produtos frescos como lácteos, froitas ou peixe.

Reacción do Goberno español

Pola súa parte, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación español, Luis Planas, valorou de forma "positiva" a iniciativa do Executivo galo para que a distribución deseñe cestas da compra con produtos de alimentación ao prezo máis baixo posíbel.

"É unha valoración positiva a da iniciativa francesa. O Goberno francés presentou un paquete antiinflación para este trimestre, no cal se inclúen algunhas medidas de apoio á poboación máis vulnerábel", explicou Planas.

Desta forma, o titular da carteira de Agricultura non dubida en facer un chamamento similar á distribución no Estado español: "As empresas poden expor iniciativas similares que leven a unha contención dos prezos, pero sempre con respecto á Lei da Cadea Alimentaria e que non sexa en prexuízo da industria nin dos produtores", sinalou.

Comentarios