Que é o artigo 5 da OTAN e cal é a súa importancia no marco da guerra en Ucraína?

O artigo 5 non é aplicábel en territorio ucraíno.
Fragata pertencente á OTAN. (Foto: Europa Press)
photo_camera Fragata pertencente á OTAN. (Foto: Europa Press)

O impacto dun mísil na cidade de Przewodów, en Polonia -que deixou dous falecidos- sacou á palestra mediática internacional o artigo 5 do Tratado da OTAN, despois de que nun primeiro momento as autoridades polacas e ucraínas culpasen Rusia do ataque. Unhas acusacións que o propio Goberno polaco, así como a organización atlantista, encargáronse de desmentir, sinalando que todas as probas apuntan a que o proxectil pertencía ás defensas aéreas das Forzas Armadas de Ucraína.

Mais, en que consiste o artigo 5 do Tratado da OTAN? Tal e como recolle o documento fundacional do organismo militarista, “un ataque armado contra un ou máis deles [Estados membros], que teña lugar en Europa ou en América do Norte, será considerado como un ataque dirixido contra todos eles”.

 No caso de producirse un ataque en territorio dalgún dos Estados que integran a OTAN, “cada un deles, en exercicio do dereito de lexítima defensa individual ou colectiva recoñecido polo artigo 51 da Carta das Nacións Unidas, axudará á Parte ou Partes atacadas, adoptando seguidamente, de forma individual e de acordo coas outras Partes, as medidas que xulgue necesarias, incluso o emprego da forza armada, para restabelecer a seguridade na zona do Atlántico Norte”.

En conclusión, o artigo 5 implica que todos os integrantes do organismo poderán atacar o país agresor sempre e cando comuniquen despois as súas accións ao Consello de Seguridade da OTAN. Este ente será o que decida o cese das accións militares, após “tomar as disposicións necesarias para restabelecer a paza e a seguridade internacionais”.

O artigo 5 paira sobre Ucraína

O artigo 5 do Tratado da OTAN -invocado só despois do atentado contra o World Trade Center o 11 de setembro de 2001- non é agora mesmo aplicábel en Ucraína, dado que este non pertence á organización militarista. Si o fan varios dos países que lindan con Ucraína, entre eles Polonia. Un feito que espertou as críticas de Rusia, despois de que a OTAN se comprometera a non integrar países do Leste de Europa, un compromiso incumprido.

O pasado mes de setembro, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, formalizou a petición de entrada na OTAN a través dun proceso “acelerado”, horas despois de que o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, asinase os tratados de adhesión de Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson.

Desde o comezo da operación militar rusa no territorio de Ucraína, o Goberno de Kíiv presiona para entrar canto antes na OTAN e acollerse ao artigo 5 do Tratado da OTAN, que implicaría que todos os seus integrantes -entre eles o Estado español- estarían obrigados a atacar Rusia para “garantir a integridade territorial” ucraína.

Comentarios