Que sabemos do mísil que causou dúas mortes en Polonia?

As autoridades polacas convocan para esta cuarta feira unha nova reunión do Consello de Seguridade a fin de analizar o sucedido.
Reunión de urxencia en Bali entre líderes da UE, da OTAN e do Xapón.
photo_camera Reunión de urxencia en Bali entre líderes da UE, da OTAN e do Xapón, na noite desta terza feira. (Foto: Goberno dos EUA)
  1. Ucraína acusa Rusia e chama á "acción"
  2. Rusia ve unha "provocación deliberada" de Kíiv
  3. Polonia agarda por máis probas e pide "prudencia"
  4. Biden sinala Ucraína
  5. Reunión da OTAN

Na noite desta terza feira as autoridades polacas confirmaban a morte de dúas personas na cidade de Przewodów, lindeiro con Ucraína, como consecuencia do impacto de mísiles cuxa orixe aínda non se esclareceu, se ben os últimos indicios semellan apuntar a un lanzamento desde o territorio ucraíno.

Ucraína acusa Rusia e chama á "acción"

Nun primeiro intre, Kíiv sinalara directamente o Kremlin como responsábel deste ataque mortal: "Cantas veces dixo Ucraína que o Estado terrorista non se limitará ao noso país? Polonia, os países bálticos... É só cuestión de tempo que o terror ruso vaia máis aló [...] Canto máis tempo senta Rusia a impunidade, máis ameazas haberá para todos os que poidan ser alcanzados por mísiles rusos", dixo o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

O mandatario fixo tamén un chamamento á "acción" como resposta ao que non dubidaba en catalogar como "ataque con mísiles rusos" sobre un país membro da OTAN, algo que, ao seu entender, poría en alerta a "seguridade colectiva" e suporía unha "escalada realmente significativa" do conflito bélico.

Rusia ve unha "provocación deliberada" de Kíiv

Porén, desde o Ministerio de Defensa de Rusia aseguraron que as acusacións constituían unha "provocación deliberada co fin dunha escalada da situación", ao tempo que negaron realizar "ataque ningún contra obxectivos perto da fronteira estatal ucraíno-polaca".

Os restos dos proxectís achados en Przewodów, nos arredores da zona na que se rexistrou a explosión, non gardan "relación ningunha" co armamento ruso, segundo expuxeron as mesmas fontes desde Moscova.

Polonia agarda por máis probas e pide "prudencia"

Pola súa parte, Polonia avogou pola prudencia antes de pronunciarse sobre o acontecido e, após unha xuntanza de urxencia do Consello de Seguridade —que volverá reunirse esta cuarta feira, ás 12 horas—, o portavoz do Goberno, Piotr Muller, limitouse a sinalar que Varsovia "está aumentando a preparación dalgunhas unidades militares e outros servizos uniformados".

O presidente polaco, Andrzej Duda, reuniuse tamén co seu homólogo en Washington, Joe Biden, e, se ben afirmou que o mísil "moi probabelmente foi fabricado en Rusia", eludiu declaracións categóricas e apuntou que Varsovia "non ten neste momento evidencias definitivas sobre quen lanzou este mísil".

Na mesma liña, o primeiro ministro, Mateusz Morawiecki, pediu á poboación "calma e prudencia" ante as investigacións que o país está a realizar en relación a este suceso. "Debemos medirnos pola mesura e a prudencia e confiar unicamente nos feitos", engadiu, ao tempo que demandou "unidade" ante o que cualificou como unha "cuestión de Estado".

Biden sinala Ucraína

Namentres, o cumio do G-20 en Bali tornou no escenario dun encontro urxente e improvisado entre varios representantes da OTAN: os dirixentes dos EUA, Joe Biden; Canadá, Justin Trudeau; España, Pedro Sánchez; Alemaña, Olaf Scholz; Italia, Giorgia Meloni; Países Baixos, Mark Rutte; Francia, Emmanuel Macron, e Reino Unido, Rishi Sunak, alén do primeiro ministro do Xapón, Fumio Kishida, e os mandatarios da Unión Europea Ursula von der Leyen e Charles Michel.

Ao termo do encontro avogaron por iniciar unha investigación. Posteriormente, Joe Biden deu un importante xiro á cuestión ao sinalar directamente Ucraína como procedencia dos mísiles. "Hai indicios de que o foguete que bateu nunha aldea no este de Polonia era un mísil antiaéreo de Ucraína", asegurou, emprazando tamén a "apoiar" a investigación polaca para esclarecer os feitos.

Ao mesmo tempo, Biden afirmou que é "pouco probábel" que o armamento pertencese ao Exército ruso "Hai información preliminar que o desmente. Non quero dicir iso até que o investiguemos completamente, pero é pouco probábel, tendo en conta a traxectoria, que fose disparado desde Rusia. Pero xa veremos".

Reunión da OTAN

Así as cousas, Biden apuntou a un "consenso" con "unanimidade total" para unha reunión da OTAN na que analizar a petición de Polonia de activar o artigo 4 da Alianza sobre "defensa colectiva". "Voume asegurar de que determinemos exactamente que pasou", dixo.

Embaixadores da Alianza Atlántica reuniranse esta cuarta feira para examinar este incidente e traballar nunha resposta conxunta, que podería pasar por aplicar ese artigo 4 do Tratado da OTAN que quere invocar Varsovia.

O texto estabelece que os aliados da organización militar "manterán consultas" cando unha das partes considere que a súa integridade territorial, independencia política ou seguridade está a verse ameazada. A última vez que se aplicou foi após o inicio da invasión rusa de Ucraína.

Pola súa parte, outro dos artigos que conforman este documento internacional, o número 5, que tamén saíu á palestra nas últimas horas, vai máis aló e dispón que calquera ataque armado contra un Estado membro da Alianza será considerado un ataque a "todos os aliados", abrindo a porta a unha intervención militar.

Comentarios