ANÁLISE

Kosovo, a independencia dependente

O 24 de marzo de 1999 comezaron os bombardeos da OTAN contra a ex Iugoslavia, daquela reducida a Serbia e Montenegro, e que se alargaron até o 11 de xuño dese ano. Vinte anos após, Manuel Mera analiza para Sermos Galiza un conflito cuxas consecuencias continúan na actualidade. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario.

iugoslavia_nick_macdonald_1024px-German_KFOR_troops_patrol_southern_Kosovo,_summer_1999

4A escusa dos bombardeos da OTAN contra a ex Iugoslavia -daquela reducida a Serbia e Montenegro- sería a presunta represión do exército contra os civís en Kosovo. Aínda que a decisión estaba alentada pola ruptura das negociacións en Rambouillet (Francia). Esta negociación realizouse nos meses de xaneiro e febreiro de 1999.

O fracaso foi consecuencia dun texto imposíbel de asumir por Belgrado, xa que mentres aceptaba que Kosovo era unha provincia Serbia, convertíase de facto nunha terceira república constitutiva de Iugoslavia, porén cunha maior autonomía que Serbia e Montenegro con respecto ás relacións co Goberno Federal. E é que os deputados de Kosovo terían voto no Parlamento de Serbia mentres que esta non tería xurisdición na provincia.

A intervención da OTAN fíxose á marxe da ONU e de calquera organismo internacional. Pódese dicir que se machucou a ONU, malia os intentos de Koffi Anam para evitar a descualificación. Os bombardeos contra Serbia mataron 462 soldados, 114 policías, e uns 5.700 civís. Tamén atinxiron a embaixada da China matando tres xornalistas, seica por “un erro” segundo Bill Clinton, presidente dos Estados Unidos.

Das forzas atacantes só morreron dous soldados nun accidente de helicóptero. Foi un masacre, dado a desigualdade de forzas. A OTAN utilizou mil avións que realizaron 38.000 accións de combate. E malia que se dicía que a finalidade era evitar os ataques militares a civís albaneses, os bombardeos tiveron como obxectivos tanto as instalacións militares, como fábricas, medios de comunicación e servizos básicos, como as centrais eléctricas. Atacouse tamén a concentracións de civís, que querían evitar a destrución de pontes e sedes de partidos de esquerda.

Os intereses

Naquel intre Kosovo era unha provincia autónoma de Serbia dende 1974, cun representante no Consello Federal Iugoslavo e capacidade de veto. O que lle daba un status semellante ao das repúblicas que constituían a República Federal Socialista de Iugoslavia (Serbia, Croacia, Eslovenia, Bosnia-Hercegovina, Macedonia e Montenegro). Respecto do inicio da guerra, sen dúbida incidiron os intereses de Alemaña e o resto da Unión Europea, e por suposto dos Estados Unidos, para debilitar un Estado non controlado, polo que apostaron por desmembralo.

Polo tanto, valeron de moi pouco os ensaios de desenvolvemento económico de Belgrado en Kosovo para restar forza ás reivindicacións de independencia e aos grupos que apostaban por unha solución militar, como UÇK (Exército de Liberación de Kosovo), e de forzas políticas albanesas que pretendían a integración de Kosovo nunha Grande Albania, que ademais incluiría parte de Macedonia.

[Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios