A presidenta do Perú destitúe o primeiro ministro e négase a dimitir

Arresto nunha marcha no Perú. (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa)
O Exército xustifica a represión após 25 asasinatos nas mobilizacións ao longo do país, entrementres, Boluarte acaba co primeiro ministro apenas dez días despois de nomealo, mais destaca que non ten intención de dimitir.

A presidenta do Perú, Dina Boluarte, trasladou na madrugada de onte que decidiu destituír o primeiro ministro, Pedro Angulo, dez días despois do seu nomeamento, no contexto das protestas no país para exixir a súa dimisión, a liberación do ex mandatario Pedro Castillo, a convocatoria inmediata de eleccións xerais e o inicio dun proceso constituínte, e cuxa represión por parte da Policía e do Exército matou 25 persoas, catro delas menores de idade.

Aínda así, nunha rolda de entrevistas por distintos programas de televisión, Boluarte fechou a porta a presentar a súa dimisión, defendendo que “sería dar a razón aos violentos” e que o seu Gabinete tomou “as medidas correctas” para conter a violencia, que atribúe ás múltiples mobilizacións e protestas desde que o Congreso depuxo a Castillo tras tratar de convocar eleccións lexislativas.

Á vez, interpretou as críticas como “unha vinganza política machista”.

Arredor da represión das protestas, o Comando Conxunto das Forzas Armadas do Perú xustificou os disparos contra a poboación, nalgúns casos desde helicópteros, as detencións arbitrarias e as diversas agresións rexistradas, en “ataques” procedentes de “malos peruanos”, tratando de explicar o acontecido no departamento de Ayacucho, no que mataron nove persoas. Nese sentido, definiron as manifestacións como “unha ameaza a nosa seguridade nacional”.

Até 16 persoas faleceron pola acción policial e militar desde a declaración do estado de emerxencia no país que implicou a militarización das rúas hai 
cinco días. O domingo foi un día de tregua nas protestas, dedicado a que os manifestantes enterraran os mortos das marchas, a meirande parte falecidos por disparos.

Con respecto a Castillo, que se atopa preso após aprobar a Xustiza, dominada polos conservadores que impulsaron a súa destitución, 18 meses de detención provisional mentres investiga as acusacións contra el por rebelión e conspiración, Boluarte indicou que México aprobou o asilo político para a súa familia, que tamén foi acusada polas autoridades xudiciais de corrupción, rexeitando que o país norteamericano non recoñeza o seu Goberno xunta Bolivia, Arxentina ou Colombia.

A Unión Europea, que si recoñeceu a presidenta, condenou o uso excesivo da forza para reprimir as protestas, despois de que a Organización das Nacións Unidas fixera o mesmo.

En última instancia, o Congreso volveu debater o adianto electoral nunha proposta que prevé a dimisión de Boluarte e do presidente do lexislativo, José Williams, para a elección dun nome de consenso.