Crise no Perú

Aumenta a presión para convocar o antes posíbel eleccións xerais no Perú

As protestas proseguiron por sétimo día no Perú, cunha presión cada vez maior para que as institucións convoquen eleccións despois de nove mortes. Desde Nós Diario ofrecemos varias chaves para comprender que está a acontecer no país americano.
Militares agardan onte os manifestantes na praza de Armas de Huamanga, Ayacucho, no sur do territorio peruano. (Foto: Miguel Gutiérrez Chero)
photo_camera Militares agardan onte os manifestantes na praza de Armas de Huamanga, Ayacucho, no sur do territorio peruano. (Foto: Miguel Gutiérrez Chero)

Milleiros de peruanas e peruanos saíron á rúa nas principais cidades do país esta quinta feira a pesar do estado de emerxencia decretado polo Executivo de Dina Boluarte, que implicou o despregue das Forzas Armadas para asumir o control da seguridade xunto á Policía, no sétimo día de mobilizacións pola destitución do presidente, Pedro Castillo, proclamada polos movementos sociais como unha xornada de loita.

Asemade, o xuíz da Corte Suprema Juan Carlos Checkley -que xa avalou a prisión provisional hai unha semana contra o ex presidente Castillo- presidiu unha sesión para estudar a solicitude da Fiscalía Xeral de mantelo preso durante 18 meses mentres transcorre a investigación por rebelión e conspiración, na que tamén están imputados dous ex primeiros ministros, Aníbal Torres e Betssy Chávez, e os ex ministros Willy Huerta e Roberto Sánchez.

Á hora de feche desta edición o maxistrado aínda non fixera pública a súa decisión. Sexa como for, fontes xudiciais ratificaron que o proceso que se está a seguir para prolongar o arresto de Castillo é de dubidosa legalidade, e ten como fin principal que non sexa liberado.

Pola súa banda, o Congreso debateu as propostas para adiantar as eleccións, tras insistir Boluarte en que é posíbel acelerar o proceso para que decorran en decembro de 2023.

Protestas masivas

Con especial forza nas rexións máis pobres do país -que cos seus votos levaron a Castillo á Presidencia-, a resposta popular está a ser masiva. Xa co estado de emerxencia en marcha, 118 estradas permanecían fechadas polos manifestantes, levando a que entre 1.600 e 1.700 camións fiquen bloqueados na ruta Lima-Desaguadero, na fronteira con Bolivia, explicou Gustavo Rivadeneira, dirixente da Asociación de Transporte Pesado Internacional do Alto. Amais, xerentes de mercados están a alertar de que se a situación non varía prevén un desabastecemento de alimentos a vindeira semana.

A chegada das protestas ás vías férreas tamén provocou que arredor de 800 turistas quedaran bloqueados no Machu Picchu. Asemade, cinco aeroportos foron fechados pola chegada de manifestantes, todo isto no medio dunha represión policial que matou nove persoas.

As principais demandas para frear as mobilizacións son a liberación de Castillo, a renuncia de Boluarte, a convocatoria de eleccións xerais e o comezo dun proceso constituínte.

Unha loita popular

Detrás das manifestacións están as rondas labregas, movementos sociais locais e rexionais, plataformas de estudantes ou sindicatos, mais non forzas políticas. Á tradicional fragmentación dos progresistas no Perú hai que engadir a inestabilidade política no país. A formación que postulou a Castillo e Boluarte para a Presidencia e Vicepresidencia respectivamente, Perú Libre, acabou repudiándoos e dividida no Congreso en catro grupos políticos. Amais, apoiou no lexislativo a destitución de Castillo.

Isto non evita que denuncie o acoso da oposición conservadora ao ex mandatario durante o ano e medio que gobernou, ou que pidan a súa liberación mais sen cuestionar a lexitimidade de Boluarte.

Foi un golpe de Estado?

A posición máis estendida entre o heteroxéneo bloque que está na rúa é que se produciron varios golpes de Estado. Por unha parte, Castillo rachou coa norma constitucional ao intentar disolver o Congreso cando só fora rexeitado un dos seus gabinetes, e a lei exixe que sexan rexeitados dous para dar ese paso.

Aínda así, esta medida chegou despois do que consideran unha persecución ilegal dos conservadores utilizando o lexislativo, a prensa e o xudicial para acabar co mandato de Castillo. O mesmo Tribunal Constitucional chegou a suspender o dereito do presidente a disolver o lexislativo aínda que se desen as condicións estabelecidas.

Asemade, consideran un golpe de Estado a destitución do presidente por parte do Congreso -unha institución que só apoia un de cada dez peruanos-, sinalando que é un intento de reverter a votación popular.

Comentarios