As protestas para exixir eleccións xerais inmediatas e a liberación de Castillo paralizan o Perú

Tensión máxima nun Perú sumido nunha crise a raíz da destitución de Castillo, con protestas masivas e sete asasinados pola represión até o de agora. A Fiscalía pide prisión preventiva para o ex presidente após formalizar a Xustiza o proceso contra el e o seu ex primeiro ministro, Aníbal Torres.
Policía disparando unha bomba lacrimóxena en Arequipa (Perú) na madrugada do 13 de decembro. (Foto: Denis Mayhua / DPA)
photo_camera Policía disparando unha bomba lacrimóxena en Arequipa (Perú) na madrugada de onte. (Foto: Denis Mayhua / dpa)

Esta cuarte feira agárdase na capital do Perú, Lima, a mobilización máis importante desde que hai unha semana foi destituído polo Congreso, dominado pola oposición conservadora, o presidente do Perú, Pedro Castillo, despois de tratar de disolver o órgano e convocar eleccións lexislativas, e antes de acabar preso polas manobras do Poder Xudicial. A última hora desta terza feira o Goberno peruano anunciou a mobilización do Exército nas rúas e a declaración da 'emerxencia' na Rede Viaria Nacional.

Os movementos sociais que lideran as protestas exixen, amais da liberación de Castillo, o feche do Congreso para convocar eleccións xerais inmediatamente e o inicio do proceso constituínte que prometera impulsar o deposto mandatario, e advirten que están dispostos a fechar todos os accesos á capital peruana.

As protestas que se foron estendendo ao longo do país conseguiron parar boa parte do Estado americano, con arredor de 60 estradas fechadas na mañá da terza feira segundo informou a Policía Nacional do Perú, entradas de manifestantes en tres aeroportos, fábricas, múltiples comisarías e até estacións de tren -impedindo o turismo por esta vía no Machu Picchu-, e mobilizacións multitudinarias en todo o territorio a medida que cada vez máis entidades se unen ás marchas dos estudantes, sindicatos ou rondas labregas, como é o caso dos indíxenas aimará ou da Confederación Nacional de Licenciados das Forzas Armadas.

Estas manifestacións están a enfrontar a represión da Policía, criticada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) ou a Organización dos Estados Americanos (OEA), e que provocou a morte de sete persoas, todas elas asasinadas por disparos das forzas de seguridade, confirmou a Defensoría do Pobo, dúas no departamento de Arequipa e cinco no de Apurímac. Entre os falecidos atópanse dous menores de idade de 15 e 16 anos, así como tres persoas de 18 anos.

O Movemento Nacional de Nenas, Nenos e Adolescentes Traballadores Organizados do Perú, ao que pertencía o adolescente de 15 anos asasinado a mans da Policía, fixo un chamamento ao Comité dos Dereitos do Neno da ONU e aos organismos de dereitos humanos para unha “intervención inmediata que poña fin á todo tipo de violencia”, subliñando que "o Estado o matou" por “exercer o seu dereito á protesta” e rexeitando a represión gobernamental.

Á vez, instan os “medios de comunicación a informar de maneira correcta e respectar a liberdade de expresión”, despois de que os medios masivos -que para os movementos sociais forman parte da oposición conservadora impulsada pola oligarquía tamén no lexislativo e xudicial- ignoraran nun primeiro momento as protestas, antes de cualificar como “terroristas” os falecidos, o que provocou a entrada dos seguidores de Castillo en varios deles a modo de protesta.

O flamante ministro de Economía peruano, Alex Contreras, comunicou que a crise está a custar de 15 a 25 millóns de euros diarios ao país. O seu gabinete sinalou que 119 policías están feridos no marco das protestas. Mentres, o detido ex presidente exhortou as Forzas Armadas e a Policía Nacional a “depor as armas e deixar de matar este pobo sedento de xustiza”, defendendo que continúa a ser o mandatario e insistindo en que “nunca cometín ningún delito de conspiración nin rebelión”.

Asemade, agradeceu a “confianza, esforzo, loita e identificación” da poboación que saíu á rúa, apuntando que “estou inxusta e arbitrariamente detido” e que “mañá [por esta cuarta feira] quero que me acompañe o meu pobo”.

A súa antiga vicepresidenta e sucesora despois do proceso de destitución no Congreso, Dina Boluarte -cualificada como “usurpadora” por Castillo-, presentou no lexislativo a proposta que lanzara 24 horas antes para efectuar unha reforma constitucional limitada e organizar eleccións en abril de 2024, após despedir todos os prefectos nomeados neste período, acusándoos de instigar as mobilizacións populares.

Respecto ao libre sufraxio

Os Executivos de Colombia, México, Bolivia e Arxentina emitiron un comunicado conxunto no que solicitaron aos poderes do Perú que se absteñan de “reverter a vontade popular expresada co libre sufraxio”, indicando que Castillo “foi vítima dun acoso antidemocrático que viola o artigo 23 da Convención Americana de Dereitos Humanos”. Ningún destes países asumiu a Boluarte como presidenta, a diferenza dos Estados Unidos ou a Unión Europea.

O líder mexicano, Andrés Manuel López Obrador, confirmou que a relación co Perú “está en pausa” e corroborou que Castillo “si é o presidente”, debullando que “non existe en México iso de recoñecer a ningún Goberno estranxeiro”.

A Xustiza formaliza o proceso contra Castillo e a Fiscalía pide para el 18 meses de prisión preventiva

Dubidosa legalidade no proceso contra Castillo

Na última hora da terza feira, o Xulgado Supremo de Investigación Preparatoria do Perú aprobou a formalización do proceso contra Pedro Castillo pola presunta comisión dun delito de rebelión. O xuíz Juan Carlos Checkley anunciouno na terza e apuntou que, deste modo, queda "formalizada" a investigación contra o ex presidente e mais Aníbal Torres, o seu ex primeiro ministro. A Fiscalía solicitou 18 meses de prisión preventiva para Castillo, cuestión sobre a que a Xustiza deberá pronunciarse nas próximas 48 horas.

Até os medios próximos á oposición, como La República, recoñecen que o lexislativo e o xudicial “están a crear un proceso excepcional para poder investigar e xulgar os delitos atribuídos a Castillo”, co obxectivo claro de “mantelo recluído”.

Os procesos seguidos polos organismos, “en todo caso, de dubidosa legalidade”, poden xerar “graves violacións aos dereitos humanos, ao debido proceso, á independencia xudicial, á presunción de inocencia ou á prohibición de arbitrariedade e discriminación”, recoñecen fontes do Poder Xudicial e da Fiscalía.

Neste contexto, o Tribunal Supremo avaliou o recurso presentado por Castillo en contra da súa detención provisional, que en teoría remataba esta terza feira, mais a Fiscalía Xeral decidiu de forma unilateral estendela até esta cuarta feira. O Supremo rexeitou a apelación, o que, segundo os medios locais, abre a porta a que se poida estender até tres anos a súa detención.

Comentarios