Crise no Perú

O Perú declara o estado de emerxencia e envía o Exército contra os manifestantes

Unha nova manobra xudicial impide a liberación de Pedro Castillo, ao tempo, Dina Boluarte decreta o estado de emerxencia e militariza o país a pesar de que o seu gabinete considera que a situación se está a estabilizar.
As Forzas Armadas despregadas en Arequipa despois da declaración de emerxencia na rede viaria peruana, onte. (Foto: Zintia Fernández)
photo_camera As Forzas Armadas despregadas en Arequipa despois da declaración de emerxencia na rede viaria peruana, onte. (Foto: Zintia Fernández)

No sexto día de protestas ao longo do territorio peruano para reclamar eleccións xerais inmediatas, un proceso constituínte e a liberación do ex presidente Pedro Castillo, o ministro de Defensa do Executivo liderado por Dina Boluarte, Alberto Otárola, anunciou a cuarta feira que o gabinete decretou durante 30 días o estado de emerxencia a nivel nacional, que permite que as Forzas Armadas “apoien a Policía” para controlar a orde pública.

A medida, xustificada por Otárola nos “actos vandálicos e violentos e na toma de estradas e camiños”, implica a suspensión “dos dereitos de reunión, da inviolabilidade do domicilio, da liberdade de tránsito e das liberdades persoais”, sinalou, deixando aberta a porta a estabelecer un toque de recoller.

Asemade, o titular de Defensa afirmou que a situación “se está a estabilizar”, a pesar de que só poucas horas antes decretaran o estado de emerxencia na rede viaria, o que non evitou que, segundo o último cálculo das autoridades policiais, máis de 70 vías permanezan fechadas polos manifestantes. O estado de emerxencia xa estaba implantado nos departamentos de Ica, Arequipa e Apurímac.

As manifestacións levaron tamén ao feche de catro aeroportos, chegando as protestas a múltiples fábricas, empresas chave como as enerxéticas e instalacións públicas, algunhas delas queimadas,  provocando a suspensión das aulas en distintos puntos do Perú, con cada vez máis comunidades declarándose en insurrección popular e instando a un paro indefinido até que sexan cumpridas as súas demandas. A represión das forzas de seguridade xa provocou a morte de oito persoas, dúas delas menores de idade.

A nivel institucional, as principais críticas á presidenta procederon dos Gobernos rexionais, moitos dos que están a sumarse á solicitude de eleccións inmediatas. Jean Paul Benavente, voceiro da Asemblea de Gobernos rexionais, reclamoulle que os reciba para “convocar un acordo nacional”, após non contactalos na primeira semana no cargo.

Amais das mobilizacións convocadas na praza San Martín de Lima, boa parte das protestas na capital se dirixiron a cuarta feira á sede da Dirección de Operacións Especiais da Policía, onde está detido hai unha semana Castillo. Malia que o ex mandatario pedira á poboación que o acompañase pouco antes das 14 horas (20 horas na Galiza), cando estaba prevista a súa liberación, unha manobra da Fiscalía, que para a defensa de Castillo é ilegal, manteno preso.

Unha vez que a Corte Suprema rexeitou a terza feira o recurso do ex mandatario contra a súa detención provisional, o Ministerio Público formalizou a acusación de rebelión e conspiración e pediu que Castillo fique 18 meses en prisión provisional. Aínda que a audiencia foi convocada o antes posíbel, o Supremo atrasou até a quinta feira a decisión, resolvendo que non pode ser liberado antes desa data. Así e todo, a alianza conservadora entre o Poder Xudicial e o lexislativo, que destituíu a Castillo a pasada cuarta feira, fai previsíbel que a petición sexa aceptada.

Gustavo Petro, o presidente de Colombia, fixo fincapé en que “apresar, sen xuíz e sen defensa, un presidente elixido popularmente pon en dúbida o papel da Convención Americana sobre Dereitos Humanos”.

O Congreso debate as propostas para adiantar as eleccións

O lexislativo debate hoxe distintas propostas para adiantar as eleccións, após recoñecer Boluarte que o proceso electoral podería decorrer en 2023. Nesa sesión, os conservadores aproveitaron a crise na que está sumido o país para impulsar o debate dunha norma que viola os dereitos da poboación indíxena peruana, desvelou a xornalista Jacqueline Fowks.

Pola contra, Castillo insiste en que el é o presidente despois de ser elixido pola poboación “esquecida do Perú profundo”, e acusou o “sector golpista, explotador e responsábel da fame” de entregar en apenas unha semana máis de 442 millóns de euros aos medios masivos para tratar de calar as reivindicacións populares.

Paralelamente, instou a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos para que interceda polos seus dereitos e polos da poboación que está a ser reprimida.

Comentarios