Crise no Perú

A odisea de sete galegos atrapados no Perú: incerteza sobre cando voltarán e varios quilómetros percorridos a pé

Catro residentes na Estrada e tres naturais da Pobra do Brollón foron sorprendidos no medio das tensas protestas no país andino.
Enfrontamentos entre manifestantes e policías en Lima, o pasado 9 de decembro. (Foto: Lucas Aguayo Araos / DPA)
photo_camera Enfrontamentos entre manifestantes e policías en Lima, o pasado 9 de decembro. (Foto: Lucas Aguayo Araos / DPA)

Catro mozos oriúndos da Estrada que estaban de viaxe no Perú cando se decretou o estado de emerxencia por mor da destitución e detención do xa ex presidente, Pedro Castillo, confían en poder coller un voo de volta á Galiza ao longo desta segunda feira. Ao mesmo tempo, outros tres naturais da Pobra do Brollón, que tamén se viron afectados pola cancelación de conexións e medios de transporte no país latinoamericano, esperan que nas próximas horas logren canalizar a súa situación para regresar a casa.

Este sete galegos que estaban no Perú de viaxe víronse con incerteza e unha gran falta de información ante o conflito político aberto no país. Precisamente, o Ministerio de Asuntos Exteriores aconsellaba a semana pasada á cidadanía do Estado español que se atope no país que limitase os seus desprazamentos e que evitase lugares onde hai manifestacións.

Catro residentes na Estrada

No caso dos catro mozos estradenses, dúas mulleres e dous homes, viaxaron nos primeiros días de decembro pola voda dun amigo, que casaba coa súa noiva peruana —aínda que residen ambos os dous tamén na Estrada—, e despois aproveitaron para facer turismo.

A decisión do presidente Castillo de disolver o Congreso, o día 7, desencadeou protestas por todo o país nos días posteriores, nos que eles se atopaban en Aguas Calientes, pobo próximo ao Machu Picchu. Alí quedaron retidos nun hotel "sen información e sen poder saír de alí", dado o estado de emerxencia decretado polo novo Goberno, tal e como relatou a Europa Press o alcalde estradense, José López.

Nese momento, explicou, os rapaces decidiron emprender unha viaxe a pé de Aguas Calientes a Cuzco, de varias horas de duración —maís de 100 quilómetros separan ambas as localidades—, no medio dun numeroso grupo de turistas que se viron co mesmo problema. Unha vez en Cuzco atoparon o aeroporto fechado, aínda que "a situación foi mellorando", asegura o rexedor, e o Consulado de España xestionou a posibilidade de lanzar os primeiros voos desde esta cidade até Lima.

A previsión, tal e como sinala José López, era que este domingo pola tarde collesen ese avión para estar xa na capital peruana e, desde alí, esta segunda feira poder voar a Madrid. "Pasárono mal os dous primeiros días, porque había bastantes revoltas na rúa, había inseguridade, non tiñan información, tiñan bastante anguria... Na sexta feira xa mellorou a situación e unha vez chegaron a Cuzco resolveuse", resumiu o alcalde estradense.

López, desde a pasada cuarta feira, día 14, estivo en contacto con eles e tentou "mover o tema a través da Xunta [perante a secretaría xeral da Emigración]", que tentou falar, á súa vez, co Consulado de España en Lima para tratar de resolvelo. "Nin o delegado do Goberno na Galiza nin a subdelegada do Goberno contactaron comigo nin tiveron ningunha información", lamenta. Desde a Xunta, pola súa parte, recoñecen que están "a seguir o caso" destes cidadáns e cidadás galegas no Perú, con información que lles trasladan desde o Ministerio de Asuntos Exteriores.

Dous veciños e unha veciña da Pobra do Brollón

No caso dos tres veciños da Pobra do Brollón —dous mozos, Adrián e Xara, e o pai desta última, Fernando—, quedaron atrapados en Arequipa, a 1.000 quilómetros de Lima, cando estalou esta crise que deixou o aeroporto da cidade sen servizo mentres o transporte por estrada "estaba cortado", tal e como informa o alcalde deste municipio, Xosé Lois Maceda.

Con todo, a falta de máis información sobre o seu estado debido ao cambio horario, estes tres veciños comunicaron o domingo pola noite que finalmente ían viaxar até Lima grazas a un avión do Exército peruano. Unha vez na capital, esperan conseguir un voo a Madrid para regresar nas próximas horas.

O rexedor brollonés, que está en contacto con eles, falou coa Subdelegación do Goberno en Lugo e coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, para tentar resolver esta situación e concretar a volta á Galiza destas tres persoas. Máis aló do susto, e aínda que se atopan ben, tal e como trasladou o alcalde, nun primeiro intre sentiron esa "incerteza de non saber cando volven" e de que os gastos "se multiplicaban" por ter que pagar hoteis e novos billetes de avión alén dos que tiñan previstos.

Comentarios