Podemos rompe con IU e dá a entender que só contemplaba a hipótese de fichar Garzón

Podemos mantense na ortodoxia de Vista Alegre -ir ás xerais como tal no Estado sen coligarse con ningunha outra forza- e racha definitivamente as pontes con Izquierda Unida. Nun xesto politicamente inaudito, presenta as conversas non como o diálogo entre dúas forzas políticas, senón como a negociación para fichar unha persoa.

alberto garzón (foto IU)
photo_camera Alberto Garzón (foto IU)

A terminoloxía empregue por Podemos -nun comunicado pendurado na súa web- é máis propia da crónica de deportes que dun relato político. Esta terza feira houbo unha reunión na súa sede en Madrid entre dirixentes de Podemos e IU. Iso foi transformado pola formación política morada nun encontro entre "os representantes de Alberto Garzón e unha comisión delegada do Consello de Coordenación de Podemos". A linguaxe propia da narración dunha fichaxe futbolística. Non houbo acordo: Alberto Garzón non vestirá as cores de Podemos na contenda eleitoral.

En nengún momento, vén dicer Podemos na súa nota, a equipa de politólogos que dirixe Podemos contemplou a hipótese dun acordo eleitoral entre Izquierda Unida -ou a súa plataforma afín Ahora en Común- e eles propios. Non, a única posibilidade posta sobre a mesa era que Garzón como independente engrosase as súas filas. Non puido ser, que dirían os clásicos do xornalismo deportivo. E non puido ser porque "os representantes de Garzón nesta reunión colocaron como requisito irrenunciábel a conformación dunha coligazón entre IU Federal e Podemos, nunha lóxica de acordos entre partidos que nunca estivo na folla de rota de Podemos", di a formación da esquerda emerxente española.

Podemos afirma nun comunicado que a reunión foi cos "representantes de Alberto Garzón"

Para o partido de Pablo Iglesias, a "imprescindíbel construción da candidatura da unidade popular pasa por unha suma de vontades de cambio forxadas nas rúas e nas prazas, e non pola agregación xurídica de siglas". Traduzamos isto do seguinte xeito: a única sigla imprescindíbel é Podemos, Podemos é xa a unidade popular e quen queira unirse que se una, mais que deixe calquer outro carnet na porta.

Podemos enfatiza que "seguimos traballando na candidatura do cambio" e lamenta "que haxa quen prefira non sumarse".

E engaden: "O noso obxectivo é claro: a construción da unidade popular. Para iso, as eleccións municipais ensináronnos que non se trata de sumar siglas, senón vontades, ideas, proxectos e gañas". Aquí omite Podemos dúas cousas: primeiro, que son eles precisamente os que non están dispostos a renunciar ás súas siglas e que as candidaturas municipais tidas por populares -as que gañaron en Barcelona, Madrid, tamén as das mareas galegas- apresentáronse diante do eleitorado sen ningunha sigla partidaria como marca. E se finalmente Garzón non irá con Podemos ás xerais é porque Pablo Iglesias antepón a estampación do nome da súa organización na papeleta a calquer acordo.

IU desmente o conteúdo do comunicado de Podemos, segundo comunicaron os seus dirixentes a Público. Afirman que en nengún momento propuxeron unha coligazón, senón iren xuntos na plataforma Ahora en Común, sen ningún tipo de siglas.

Comentarios