Opinión

Estatuas sen rostro

P or que hai tantas estatuas clásicas sen cabeza, tantas figuras nas que o rostro é unha masa informe de pedra apicada? A pregunta xorde ao visitar lugares arqueolóxicos de Grecia. Atribúense as deturpacións a guerras, ao bombardeo por Venecia en 1687, ou á erosión natural co paso do tempo, mais a destrución intencionada, os estragos a elementos considerados incompatíbeis coa relixión cristiá son incalculábeis. O arqueólogo John Pollini estudou o Partenón: nas metopas e no friso as cabezas foron desfiguradas, un pedimento reducido a cal. É pouco coñecida a conversión do Partenón nunha igrexa; non foron unicamente templos os mudados en igrexas, asemade bibliotecas –a de Adriano–, ou observatorios astronómicos como a Torre dos Ventos. Mesmo hai indicios de que a estatua de Atenea foi quitada do seu lugar polos cristiáns, talvez desfeita ou os seus fragmentos reutilizados. Estatuas e relevos sufriron danos, foron descabezadas e os seus brazos, mans, pernas e pes apicoados con picarañas. Antes dos gobernantes e bispos cristiáns houbo ataques ao Partenón por parte dos chamados “bárbaros”, algúns deles, como o visigodo Alarico, eran cristiáns; anos despois Elgin espoliaría o templo, levando os mármores ao Museo Británico.

As imaxes sen rostro testemuñan a intolerancia; tamén a superstición, ao crer que mutilando os rostros impedían o mal de ollo. Hoxe, nun exercicio de nostalxias imperiais e arrogancia colonizadora, hai dirixentes políticos como Díaz Ayuso para quen relixión rima con civilización –España foi levar “o catolicismo e por tanto a civilización e a liberdade ao continente americano”–. Porén, semella que relixión rima con colonización, con esmagar linguas, culturas e civilizacións propias e impoñer as alleas. A historia que se contou é de “pagáns e pagás” recibindo con degoiro a boa nova. Mais, xa antes de 1492, o cristianismo enfrontouse a outras ideas pola forza, non pola persuasión. A cultura occidental gábase das súas raíces na grega, con todo, obsérvanse os estragos causados por Constantino, Xustiniano e os seus, destruíndo monumentos para convertelos en igrexas, mutilando estatuas dos deuses e deusas gregos. As agresións son mostras da intolerancia exercida polos cristiáns, do afán por borrar unhas crenzas politeístas, do mesmo modo que desfacían os rostros dos deuses e deusas clásicos. En Grecia ou en América, máis que un exemplo de civilización e liberdade o son do contrario.

Comentarios