Pere Aragonès convoca eleccións en Catalunya tras o rexeitamento dos orzamentos

A sociedade catalá votará o 12 de maio.
O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès (Foto: Vilaweb).
photo_camera O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès (Foto: Vilaweb).

O presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, anunciou hai uns minutos a convocatoria de eleccións anticipadas en Catalunya para o 12 de maio, despois de que o Parlament rexeitase o proxecto de lei de Orzamentos da Generalitat de 2024.

Nunha declaración institucional desde o Palau da Generalitat tras unha reunión do Consell Executiu extraordinario, o presidente da Generalitat explicou que o Govern retirou o proxecto de lei de medidas fiscais e financeiras, coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, tras o rexeitamento das contas.

"Hoxe as liñas vermellas e o bloqueo entre uns e outros comportaron que o orzamento con máis recursos da historia da Generalitat de Catalunya fora rexeitado", afirmou o president. Para Aragonès, o 'non' dos grupos aos orzamentos é unha "irresponsabilidade", e afirmou que estes vetos cruzados non foron contra o Govern, senón contra a cidadanía de Catalunya, contra os seus intereses e contra os servizos públicos.

Desta maneira, Aragonès asinará no comezo da próxima semana o decreto polo que se disolve o Parlament e se convocan eleccións para o 12 de maio, algo que será publicado no Diari Oficial da Generalitat de Catalunya (Dogc) o día seguinte.

Illa di estar preparado

O primeiro secretario do PSC, Salvador Illa, reaccionou á convocatoria de eleccións: "O PSC está preparado e eu estou preparado". Así se expresou nunha rolda de prensa no Parlament tras o anuncio de Aragonès, e na que sostivo que Catalunya "necesita un presidente, non un candidato, para prosperar".

"Os cataláns votarán entre avanzar ou retroceder. Os cataláns decidirán e votarán entre pasar páxina ou volver ao pasado", sostivo Illa, que o domingo será proclamado de novo líder do partido no Congreso do PSC.

Así, sinalou que "canto antes voten os cataláns, mellor" porque Catalunya, dixo textualmente, necesita estabilidade, auga, unha educación e unha sanidade que funcionen, seguridade nas rúas ou infraestruturas, entre outras cuestións.

"O PSC actuou con responsabilidade. A primeira función dos dirixentes políticos é pensar na xente e nos problemas concretos que ten a xente", apuntou. Neste sentido, concluíu que ten "moita confianza nos cataláns" que, dixo, terán a ocasión de escoller o próximo 12 de maio.

Puigdemont como posíbel candidato

O secretario xeral de Junts, Jordi Turull, considerou que o ex president da Generalitat de Catalunya e eurodeputado de Junts, Carles Puigdemont, pode ser o candidato do partido ás eleccións anticipadas convocadas para o 12 de maio e que podería volver a Catalunya antes do debate de investidura. Así o manifestou en rolda de prensa na Cámara catalá tras o anuncio de Aragonès de avanzar os comicios.

O PP carga contra Illa

O presidente do PP catalán, Alejandro Fernández, dixo que é "imposíbel" que o líder do PSC, Salvador Illa, poida liderar unha nova etapa para Catalunya tras as eleccións do 12 de maio. Díxoo nunha rolda de prensa no Parlament na que non respondeu preguntas, na que engadiu que o PSC "demostrou ser cómplice do procés, do separatismo”.

Negativa aos orzamentos

Previamente, o pleno do Parlament de Catalunya rexeitou o proxecto de lei de Orzamentos da Generalitat de 2024, que só recibiu o apoio de ERC, PSC e da deputada non adscrita Cristina Casol -67 dos 68 votos necesarios-, así como o voto en contra de Junts, Vox, CUP, Comuns, Ciutadans e PP.

A Cámara catalá votou as seis emendas á totalidade ás contas de Junts, Vox, CUP, Comuns, Ciutadans e PP, que prosperaron, polo que decaeron os Orzamentos do Govern para este ano. O Executivo catalán asinara un acordo orzamentario co PSC e tentara negociar con Junts, os Comuns e a CUP para solicitar os apoios suficientes, algo que non logrou finalmente.

Os 'cupaires' foron os primeiros en descolgarse dunha negociación que o Govern mantivo viva cos Comuns até o último momento, mais que non culminou polas discrepancias que tiñan polo proxecto do Hard Rock (un complexo de lecer e xogo no Camp de Tarragona).

As últimas e intensas reunións dos equipos negociadores de ambas as partes non serviron para desencallar un acordo, nin tampouco o encontro que mantiveron esta terza feira o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, e a líder dos Comuns no Parlament, Jéssica Albiach.

Mentres os de Albiach querían que Aragonès dixese publicamente que o Hard Rock non se fará, o presidente deixoulles claro que é un proxecto que segue a súa tramitación e que o Govern non pode frealo porque, nese caso, o que farían sería prevaricar.

As explicacións de Aragonès non convenceron en ningún momento aos Comuns, aos que o Executivo catalán tentou seducir con diversas propostas, como a de facer unha moratoria do Hard Rock, o que tampouco lles pareceu suficiente

Os Comuns tamén criticaron que non se expuxese un incremento da fiscalidade do xogo de 10% a 55%, e que Aragonès non se plantase ante os socialistas para frear o Hard Rock. O intercambio de reproches entre o Govern e os Comuns foi constante no pleno de totalidade das contas, tamén co grupo de Junts.

Nas negociacións con Junts, o escollo foi a proposta do portavoz do grupo no Palament, Albert Batet, de eliminar o imposto de Sucesións, algo que o Executivo catalán rexeitou desde o primeiro momento pola perda de ingresos que suporía para as arcas da Generalitat de Catalunya. O mesmo Batet emprazou Aragonès durante o pleno para convocar eleccións se o Parlament lle tombaba os Orzamentos.

[EN ACTUALIZACIÓN]

Comentarios