Junts considera que Puigdemont podería ser o candidato nas eleccións catalás

Para Jordi Turull, o president catalán tomou a decisión de adiantar os comicios por "sectarismo e por un cálculo electoral".
O secretario xeral de Junts, Jordi Turull (Foto: Europa Press).
photo_camera O secretario xeral de Junts, Jordi Turull (Foto: Europa Press).

O secretario xeral de Junts, Jordi Turull, considerou que o ex president da Generalitat de Catalunya e eurodeputado de Junts, Carles Puigdemont, pode ser o candidato do partido ás eleccións anticipadas convocadas para o 12 de maio e que podería volver a Catalunya antes do debate de investidura.

Así o manifestou en rolda de prensa na Cámara catalá tras o anuncio de Aragonès de avanzar as eleccións tras o rexeitamento no pleno do proxecto de Orzamentos da Generalitat de 2024. Para Turull, o president catalán tomou a decisión de adiantar os comicios por "sectarismo e por un cálculo electoral".

Pola súa parte, Puigdemont dixo que "podería estar" no pleno de investidura do Parlament despois das eleccións do 12 de maio, sen aclarar se será candidato, e afirmou que lle faría moita ilusión.

"Faríame moita ilusión estar no Parlament de Catalunya despois de máis de seis anos e catro meses mantendo a Presidencia, a pesar do 155, no exilio", respondeu á prensa en Estrasburgo (Francia) preguntado polo adianto electoral anunciado por Aragonès.

Apuntou que a Lei de Amnistía prevese aprobar esta semana e que entre en vigor a finais de maio tras pasar polo Senado. "A Lei (de Amnistía) di que aínda que haxa parálise da lei non se retirarán as medidas cautelares", polo que non serían efectivas as ordes de detención contra el a nivel internacional nin no Estado español.

Con todo, dixo que aínda non tivo tempo de falar cos seus avogados para sopesar se se presentará como candidato. "Todo é moi prematuro", e admitiu que a decisión que tome afectará á súa candidatura ao Parlamento Europeo, porque cre que non é compatíbel con ser candidato á Generalitat. Ademais, engadiu que a súa decisión estará marcada polo prazo para presentar as candidaturas, que asegurou que non sabe cal é.

Comentarios