Pequeno gran paso na privatización da Lúa

Coa atención centrada na crise do coronavirus, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, vén de asinar unha orde executiva onde se manifesta o "dereito" do país norteamericano a explotar os recursos mineiros da Lúa e doutros corpos celestiais, negando que sexan "patrimonio común da humanidade".
The Pink Super Moon is seen behind a city crane in Melbourne, Wednesday, April 8, 2020. The pink super moon will be the largest and brightest of 2020. (AAP Image/Michael Dodge) NO ARCHIVING
ONLY FOR USE IN SPAIN

The Pink Super Moon is seen behind a city crane in Melbourne, Wednesday, April 8, 2020. The pink super moon will be the largest and brightest of 2020. (AAP Image/Michael Dodge) NO ARCHIVING

8/4/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Só Francia, Guatemala, a India e Romanía ratificaron o chamado Tratado da Lúa, do que fan parte nada máis que 18 países (AAPIMAGE)

"Os estadounidenses deberían ter o dereito a iniciar a exploración comercial, obtención e uso de recursos do espazo exterior, en concordancia coa lei vixente", sinala na súa sección primeira o documento asinado por Donald Trump a semana pasada, e onde tamén aclara que os Estados Unidos nunca chegaron a asinar o acordo internacional coñecido como o Tratado da Lúa.

Oficialmente chamado Acordo de Regulamento das Actividades dos Estados na Lúa e Noutros Corpos Celestes, foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1979. Entrou en vigor en xullo de 1984 e afonda nos preceptos recollidos no Tratado sobre o Espazo Exterior, de 1967, que si asinaron os Estados Unidos ─e tamén a Unión Soviética─ en plena carreira espacial no marco da Guerra Fría.

O Tratado da Lúa estabelece que os corpos celestes deberían ser usados con finalidade pacífica, o seu ambiente preservado e que a ONU sería informada da localización e obxectivos de calquera instalación que neles se puidese estabelecer. Ademais, incide en que a Lúa e os seus recursos naturais son "patrimonio común da humanidade" e que a súa explotación, cando fose posíbel, debería estar xestionada internacionalmente. 

Porén, na orde executiva remárcanse as "diferenzas" existentes entre o tratado de 1967, asinado por 108 países, e o de 1979, só por 18 (ningún con capacidade para a exploración espacial tripulada, como Rusia ou China) e ratificado só por catro (Francia, Guatemala, a India e Romanía). O Goberno dos EUA cre que "contribúen á incerteza a respecto do dereito a obter e usar os recursos espaciais".

Obama, pioneiro

A aprobación da norma por parte de Donald Trump ─un firme defensor da actividade mineira na Terra─ segue o ronsel deixado polo seu antecesor, Barak Obama, que en 2015 aprobou a SPACE Act (acrónimo de Spurring Private Aerospace Competitiveness and Entrepreneurship, "Estímulo da Competitividade e do Emprendemento Privado Aeroespacial"). Esta lei remataba con "regulacións innecesarias" e permite explicitamente ás compañías estadounidenses explotar os recursos da lúa e doutros corpos celestes. Non posuílos, mais si quedar con todo o saquen deles.

Obama, como Neil Amstrong, daba o primeiro paso; e como Buzz Aldrin, detrás veu Trump. Michael Collins, que observaba os seus dous compañeiros do Apolo XI orbitando desde o módulo Columbia, representaría nesta alegoría a humanidade no seu conxunto.

"Carácter simbólico grave"

A nova lei advirte: "O espazo exterior é un dominio para a actividade humana legalmente e fisicamente único, e os Estados Unidos non o ven como unha área de bens comúns globais". Esta última frase é a que máis inqueda a Martin Pawley, membro da Agrupación Astronómica Io, unha das primeiras en chamar a atención dentro do remuíño do coronavirus que todo o arrastra.

Pawley salienta o carácter "simbólico" da norma máis que o práctico, xa que a tecnoloxía actual fai que non teña "aplicación inmediata". Porén, cre que é especialmente grave no contexto actual, "cando estamos a ver as consecuencias do uso desaforado dos bens da terra" e da "necesidade de manter santuarios" e unha "visión global" ante os desafíos comúns.

Pode afoutar unha carreira espacial coa China e con Rusia? Beijing non se pronunciou e, oficialmente, Moscova criticou a decisión. Roscosmos, a axencia espacial rusa sinalou nun comunicado publicado na súa web que "os intentos de expropiar o espazo cósmico e os plans agresivos de apropiarse dos territorios doutros planetas dificilmente pode alentar os países a cooperar de maneira frutífera". Mais para Pawley, a decisión de Trump supón unha "xustificación" para estoutras potencias.

Órbita baixa

En calquera caso, o principal efecto e a ameaza inminente que a nova lexislación pode ter para o conxunto da humanidade, explica Pawley, está na explotación da chamada órbita baixa, onde actualmente xa hai entre 3.000 e 4.000 satélites artificiais, e que garda relación co despregue da tecnoloxía 5G

"As empresas de telecomunicacións aspiran a pór en órbita miles de satélites que substitúan as redes en terra e isto traerá consigo varios problemas: primeiro, que haberá centos de puntos de luz no ceo que entorpecerán a observación científica do universo, e segundo, que aumentará o risco de precipitación sobre a Terra", explica Pawley, que calcula que cada compañía ─individualmente, dentro da competencia do mercado─ aspira a pór en órbita entre 10.000 e 12.000.

Comentarios