martes 14.07.2020

Pedro Sánchez delega nun 'think tank' de orientación neoliberal as receitas contra a crise

A decisión provoca malestar na militancia de Podemos.
O presidente da Fedea, Jordi Gual.
O presidente da Fedea, Jordi Gual.

Os grandes grupos económicos moven ficha. Se os días pasados reuníanse baixo o patrocinio da patronal da CEOE para facer chegar as súas propostas de primeira man ao conxunto da sociedade, amosando un espírito conciliador do Goberno, onte transcendía que o Executivo deixaba en mans dun grupo de expertos, a maioría dos cales proceden de Fedea, a elaboración das propostas en materia de política económica para dar resposta á crise provocada polo coronavirus.

A Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) é un dos máis caracterizados think tank de orientación neoliberal existentes no Estado. Fundada en 1985, está dirixida polo presidente de Caixabank, Jordi Gual Sole, formando parte do seu padroado as principais empresas do Ibex, como o Banco de Santander, Telefónica, Acs, Bankia, Mapfre, Enagás, Banco Sabadell, BBVA, Abertis ou a Corporación Alba, propiedade da familia March. Neste sentido, está considerado como o laboratorio de ideas do Ibex, sendo responsábel dunha parte das súas propostas.

Fedea é considerada como o responsábel intelectual de boa parte das políticas económicas aplicadas polos Gobernos de Zapatero e Raxoi durante a gran recesión. A este respecto, as súas receitas foron rexeitadas de maneira xeneralizada por economistas críticos, que viron a man da fundación detrás dalgunhas das medidas máis lesivas destes gabinetes, de maneira moi particular a reforma laboral e a reforma do réxime de xubilación.

A decisión de Pedro Sánchez de deixar en mans dunha maioría de expertos procedentes de Fedea a definición das políticas económicas non foi ben recibida polos seus socios de Podemos. Así, fontes desta última formación afirman que a fundación xa fixo público un documento diante da crise económica onde apostan por medidas que chocan coas recollidas no programa de Goberno. Nesta liña, desde o partido morado dan por seguras as friccións cando toque afrontar aqueles aspectos ligados á lexislación laboral.

Porén, desde o PSOE agardan buscar un punto de acordo que permita ampliar as bases de apoio do Executivo. Pola súa banda, os sectores empresariais dan por feito que as conclusións do traballo desta comisión van guiar a acción do Goberno

comentarios