A participación nos comicios locais e rexionais en Rusia alcanzou 43,5%

A falta de resultados oficiais, o Kremlin salienta a vitoria de Putin.
Urnas electorais en Tambov, Rusia. (Foto: Demian Stringer / ZUMA Wire / DPA)
photo_camera Urnas electorais en Tambov, Rusia. (Foto: Demian Stringer / ZUMA Wire / DPA)

Os resultados das eleccións rexionais e locais que decorreron até o domingo en Rusia "confirmaron da maneira máis elocuente a consolidación absoluta da sociedade ao redor dos dirixentes do país", sostivo esta segunda feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que destacou a vitoria na meirande parte dos territorios de Rusia Unida, a formación do mandatario Vladimir Putin.

Os datos divulgados polas autoridades electorais son un testemuño "de que o presidente ten ese mesmo apoio", incidiu, antes de apuntar que se Putin decide presentarse ás presidenciais de 2024 "é evidente que na actual etapa ninguén pode competir".

Entre os resultados confirmados están os da capital, Moscova, onde o oficialista Sergey Sobyanin gañou un cuarto mandato após obter 76% dos sufraxios. Ella Pamfilova, que encabeza a Comisión Electoral Central, revelou que a participación media foi de 43,5% do electorado, salientando que é a máis alta desde 2017.

Rusia Unida tamén se impuxo nas votacións en Donetsk, Luhansk, Zaporijia e Khersón, que participaron por primeira vez nos comicios logo de adherirse a Rusia en 2022 tras referendos non recoñecidos pola Organización das Nacións Unidas no marco da guerra en Ucraína. Kíiv e Washington criticaron as votacións nestas rexións. Pamfilova denunciou que na madrugada do domingo foi destruído nun ataque ucraíno un colexio electoral en Zaporijia.

Ao respecto da declaración conxunta da cimeira do G20 que decorreu a fin de semana, tanto os Estados Unidos como Rusia ou a Unión Europea cualificárona de éxito en base á mención á guerra de Ucraína no texto, mais sen unha condena, como os países occidentais exixiran en 2022.

Comentarios