A OTAN fixa 5% do PIB de gasto militar e embarca nunha carreira armamentística forzada por Washington

O primeiro ministro do Reino Unido, Keir Starmer, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, o 25 de xuño de 2025 no cumio anual da OTAN, na Haia (Países Baixos). (Foto: James Petermeier / Zuma Press)
Nunha UE moi endebedada a decisión da alianza bélica suporá triplicar os 325.000 millóns de euros de gasto militar de 2024.

Ao longo de “demasiado tempo, un aliado, os Estados Unidos, soportou demasiada carga dese compromiso, e iso cambia hoxe”, incidiu a cuarta feira Mark Rutte, secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), na cimeira anual da entidade, que decorreu entre a terza e a cuarta na Haia (Países Baixos), na que se aprobou que os membros deberán elevar para 2035 o gasto militar a 5% do seu produto interior bruto (PIB).

“Querido Donald, ti fixeches isto posíbel”, remarcou Rutte en alusión ao presidente estadounidense Donald Trump, presente na reunión de xefas e xefes de Estado e de Goberno, poucas horas despois de que o mandatario publicara unha mensaxe privada remitida por Rutte e chea de adulacións.

O neerlandés non mentía. Desde Franklin D. Roosevelt, que saíu da Casa Branca en 1945, todos os presidentes estadounidenses demandaron aos integrantes europeos da alianza militar que elevaran o seu gasto neste sentido. Foi de feito a presión dun líder do país, Barack Obama (2009-2017), a que levou a que en 2014 se fixara 2% do PIB de gasto militar como obxectivo para cumprir nunha década, díxito que alcanzaron 18 dos 32 membros o pasado ano segundo os datos do Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (Sipri).

Antes de que de forma unánime os outros 31 estados aceptaran esa porcentaxe, Trump fintou con abandonar a OTAN ou non defender un membro atacado, impuxo aranceis globais, acabando coa orde liberal que Washington impuxo para o seu beneficio após a Segunda Guerra Mundial, profundou no incumprimento do dereito internacional por parte do país americano e lanzou unha agresión militar contra instalacións nucleares de Irán, tras o que os líderes do Xapón e Corea do Sur anunciaron que suspendían a súa presenza no cumio.

A cambio do papel dos Estados Unidos na súa seguridade, nas últimas oito décadas os membros europeos da OTAN (a maioría tamén da Unión Europea, UE) replicaron o sistema socioeconómico estadounidense e renunciaron á autonomía estratéxica, acabando por seguir, como apunta o director da revista Orients Stratégiques Pierre Berthelot, “a liña dos Estados Unidos”. Neste marco, Washington recibiu entre 2022 e 2023 41% das entradas brutas de capital a nivel mundial.

O negocio das armas

Coa OTAN, os Estados Unidos gañaron importantes mercados en sectores como o das armas. Entre 2020 e 2024 64% das importacións de armamento dos membros europeos da OTAN procederon do país americano, indica o Sipri. Á vez, 35% das exportacións estadounidenses neste ámbito e período foron ao continente europeo.

Amais de beneficiar Washington, constata o Centro Delás de Estudos pola Paz, a decisión só servirá para “inxectar centenares de millóns ao gasto militar” que irán a “empresas privadas de armas”, e define como "arbitraria" a porcentaxe, o que a cronoloxía confirma que é así.

Após propor distintas cifras nos últimos anos, dúas semanas antes de asumir en xaneiro a Presidencia por segunda ocasión, Trump fixou de forma clara por primeira vez que debía ser 5%, e isto levou a validar na OTAN a comezos deste mes uns obxectivos de capacidade militar por membro que coinciden con esa porcentaxe.

A declaración final da cimeira remarca que “os aliados comprométense a investir 5% do seu PIB anualmente” até 2035 en gasto militar, dividido entre 3,5% do PIB para “as necesidades básicas de defensa e o cumprimento dos obxectivos de capacidade” e 1,5% que será destinado a “entre outras cousas protexer a nosa infraestrutura crítica, defender as nosas redes, garantir a nosa preparación e resiliencia civil, impulsar a innovación e fortalecer a nosa base industrial de defensa”.

Isto foi xustificado pola “ameaza a longo prazo que Rusia representa para a seguridade euroatlántica e a persistente ameaza do terrorismo”, relata unha declaración de cinco parágrafos que ratifica o “compromiso” de “brindar apoio a Ucraína”, cuxo presidente, Volodimir Zelenski, reuniuse no cumio con Trump. Asemade, o texto recolle que o obxectivo será revisado en 2029 (ano no que a priori Trump tería que abandonar a Casa Branca) e que “traballaremos para eliminar as barreiras comerciais de defensa entre os aliados”.

O presidente ruso, Vladimir Putin, descartou en múltiples oportunidades que valoren sequera atacar algún membro da OTAN, facendo referencia á diferenza de gasto entre uns e outros. Rusia é o terceiro país do mundo con máis gasto militar, 5,5% do total global, por detrás dos Estados Unidos (37%) e a China (12%). Só a OTAN supón 55% do gasto militar mundial, que leva unha década en aumento e xa suma 2,5% do PIB do planeta.

Triplicar o gasto na UE

Unha estimación da axencia Reuters detalla que na UE, cunha débeda pública media que atinxe 81% do PIB, alcanzar a nova meta implicará “triplicar entre todos os 325.000 millóns de euros que gastaron en defensa o ano pasado”. 

“Non o lograrán”, sentencia Guntram Wolff, do centro Bruegel, debullando que “se es un país altamente endebedado non podes emitir máis débeda, iso supón tomar decisións orzamentarias moi difíciles”, logo de que Rutte deixara claro que habería que facer recortes do gasto social se é preciso, algo que advertiu Nick Witney, do Consello Europeo de Relacións Exteriores, converterá as “poboacións descontentas” en “presas aínda máis doadas” para forzas como as de extrema dereita.

Trump anuncia que dobrará os aranceis ao Estado español por non prometer 5%

O Estado español “é o único que se nega a pagar, imos facer que paguen o dobre”, enfatizou a cuarta feira Donald Trump, que insistiu en que “é tremendo o que fixeron, é o único país que non vai pagar todo, vaise quedar en 2%, así que van pagar a través do comercio”, ameazando con que a economía española vai “moi ben, mais podería verse arrasada se algo ocorre”.

Trump engadiu que negociará “directamente” co presidente estatal, Pedro Sánchez, logo de que reiterara que gastaría 2,1% do PIB en gasto militar e que iso sería dabondo para cumprir cos obxectivos de capacidades da OTAN.

Sánchez rubricou a declaración final, mais antes garantiu nunha misiva de Rutte que tería “flexibilidade” coa porcentaxe. O secretario xeral abundou en que, aínda que a Moncloa teña esa perspectiva, considera que será necesario que chegue a 3,5% de gasto militar directo, e antes desbotara a existencia de "acordos paralelos", como os que a cuarta feira rexeitaron Italia, Grecia ou Bélxica, que pedira un trato semellante.

Así e todo, o que recoñeceu a existencia dun pacto é Marco Rubio, secretario de Estado estadounidense, que o cualificou como un “gran problema” que pon o Estado español “nunha posición moi complicada no que se refire aos seus outros socios e aliados”, mencionando os “graves desafíos políticos” internos e o “recalcitrante” Goberno “de centro-esquerda”.

En última instancia, entre as implicacións que ten a pertenza á OTAN non está que estas decisións da entidade sexan vinculantes para os estados membros, cando menos na teoría, polo que manteñen a súa soberanía á hora de aplicar as políticas de defensa que consideren.