Os Estados Unidos sancionan catro xuízas do Tribunal da Haia por investigar os seus crimes e os israelís
Despois de sancionar Karim Khan, fiscal xefe do Tribunal Penal Internacional (TPI), que renunciou temporalmente ao cargo para enfrontar acusacións de abuso sexual por parte dunha ex asistenta, os Estados Unidos anunciaron sancións contra catro xuízas do órgano con sede na Haia (Países Baixos), ás que prohibe entrar no país e conxelará propiedades e ingresos, recolleron a sexta feira medios internacionais.
As afectadas son Solomy Balungi Bossa, de Uganda; Luz del Carmen Ibáñez Carranza, do Perú; Reine Adelaide Sophie Alapini Gansou, de Benín, e Beti Hohler, de Eslovenia.
Tanto a beninesa como a eslovena participaron nos procedementos que derivaron na emisión dunha orde de arresto por crimes de guerra e contra a humanidade contra o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, no contexto do xenocidio que están a perpetrar os sionistas no territorio palestino de Gaza.
Pola contra, a ugandesa e a peruana estiveron implicadas na investigación de crimes de guerra estadounidenses en Afganistán.
O Departamento de Estado deixou claro que as sancións responden aos esforzos das catro para “investigar, arrestar, deter ou axuizar cidadáns dos Estados Unidos ou Israel”, insistindo en que o TPI está “politizado”.
Aínda que no seu primeiro mandato o presidente estadounidense Donald Trump xa sancionara á daquela fiscal xefe Fatou Bensouda por investigar crimes dos dous estados, é a primeira vez que o fai coa maxistratura.
As primeiras medidas contra Khan xa levaron case que á paralización do traballo do TPI, con ONG que deixaron de traballar con el e advertencias ao persoal estadounidense de que podería ser arrestado se volve ao seu país de orixe.
A Presidencia da Asemblea de Estados Parte do TPI definiu as sancións como unha “ameaza á xustiza internacional” e un “lamentábel intento de obstaculizar o tribunal”, e a Organización das Nacións Unidas (ONU) incidiu en que estes ataques son contrarios ao Estado de dereito e á protección “igualitaria” de todas as persoas perante a lexislación.
Após agradecer a Washington as sancións, o réxime israelí lanzou un novo bombardeo sobre Beirut, a capital libanesa, durante o comezo da festa musulmá de Eid al Adha, nunha proba máis da impunidade coa que actúa grazas ao aval dos Estados Unidos, que en teoría tería que garantir o cumprimento da tregua entre Hezbolá e Israel, da mesma maneira que Francia, mais que seguen sen actuar no medio das violacións sucesivas dos sionistas e do xenocidio na Faixa de Gaza.
