A OTAN aspira a fechar a suba a 5% do PIB do gasto militar na cimeira da Haia
A cimeira anual da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) comeza a terza feira na Haia, nos Países Baixos, cunha cea ofrecida polo rei Guillerme, mais o groso desenvolverase a cuarta cunha única reunión formal que se estenderá dúas horas e media e que estará centrada na suba do gasto militar dos membros.
A brevidade da cita a nivel formal, pois tamén haberá encontros bilaterais e outros eventos paralelos pola tarde, responde á intención de evitar “os temas polémicos” e garantir que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, “non se aburra con longas reunións nas que ten que quedar durante horas despois de ter dado o seu discurso”, indica o ex funcionario da alianza militar encargado de organizar xuntanzas similares Jamie Shea.
Asemade, a diferenza de ocasións anteriores, desta vez prevese que a declaración final da cuarta feira apenas conteña cinco parágrafos, sinalaron fontes diplomáticas á axencia AFP.
Foi precisamente Trump, na que será a súa primeira cimeira da OTAN logo de volver á Casa Branca, o que fixou que o novo obxectivo de gasto militar debe ser de 5% do produto interior bruto (PIB), cifra á que se terá que chegar de cara a 2035.
Con todo, e a pesar de que un dos principais obxectivos da xuntanza é proxectar unidade fronte a Rusia, cuxa suposta ameaza é o eixo da defensa do incremento do gasto militar, todo apunta a que varios estados demandarán axustar as condicións para non verse obrigados a elevar de forma drástica o gasto militar, algo que, incidiu Mark Rutte, secretario xeral da OTAN, debe facerse incluso a costa do gasto social.
O primeiro en erguer a voz foi o Estado español, que anunciou ter chegado a un acordo con Rutte para quedar exento desa meta, dividida en 3,5% do PIB para armas, material militar e soldados e 1,5% en gastos relacionados como ciberseguridade. Así e todo, o secretario xeral da alianza militar controlada polos Estados Unidos incidiu despois en que non hai “cláusulas de exclusión voluntaria nin acordos colaterais”.
A Moncloa defende que pode cumprir coa preparación e a adquisición das capacidades exixidas pola OTAN con 2,1% do PIB de gasto militar, o que Rutte negou, pouco despois de que Bélxica advertira que aínda rubricando o acordo non chegaría a eses niveis nin a “medio prazo”.
Pola súa parte, Trump, que aseverara que o único país exento de alcanzar 5% sería o seu, remarcou a terza feira que “España é un problema no que se refire ao gasto da OTAN”, a pesar do que países como o Canadá, Francia ou Italia tamén aceptarían de bo grao renegociar os termos finais.