Trump ameaza Sánchez cunha guerra comercial contra o Estado español por non aceptar 5% de gasto militar: "Imos facerlles pagar o dobre"

A ameaza de Trump obvia que a política comercial do Estado español está derivada na Comisión Europea, que representa todos os estados da Unión Europea nas negociacións con terceiros estados neste ámbito, tendo en conta ademais que o Estado español está inxerido dentro do espazo económico común, no que as barreiras aduaneiras son as mesmas.
Donald Trump no cume da OTAN na Haia o pasado 25 de xuño. (Foto: Martijn Beekman / NATO / dpa)
Donald Trump no cume da OTAN na Haia este 25 de xuño. (Foto: Martijn Beekman / NATO / dpa)

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cargou esta cuarta feira duramente contra o Estado español, despois do acordo da OTAN subscrito polos estados aliados para incrementar o seu gasto militar até o 5% do PIB, coa excepción do Goberno estatal, que se desmarcou sostendo que dedicará o 2,1%.

"Creo que España é terríbel polo que fixeron. É o único Estado que non paga o 100%. Queren quedarse no 2%. Creo que é terríbel", dixo o mandatario estadounidense ao ser preguntado por xornalistas. Ademais, aproveitou a ocasión para lanzar unha ameaza.

Desta maneira, tras dicir que a economía do Estado español "vai moi ben", matizou que "esa economía podería afundirse se algo malo sucede". Neste sentido, Trump asegurou que "compensarán" esa falta de investimento militar. "Sabes o que imos facer? Estamos a negociar con España un acordo comercial. Imos facerlles pagar o dobre", advertiu.

A ameaza de Trump obvia que a política comercial do Estado español está derivada na Comisión Europea, que representa todos os estados da Unión Europea nas negociacións con terceiros estados neste ámbito, tendo en conta ademais que o Estado español está inxerido dentro do espazo económico común, no que as barreiras aduaneiras son as mesmas.

Así, o presidente republicano cualificou a posición do Estado español "dun pouco de oportunismo" e sinalou que o Estado español terá que "devolver o favor" a través do comercio. "Non vou permitir que iso ocorra. É inxusto. É inxusto para a OTAN", resolveu o mandatario estadounidense.

Os estados aliados subscribiron un acordo esta xornada para o incremento histórico do seu orzamento militar. Con todo, durante as últimas semanas o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, opúxose abertamente a ese gasto, considerando que prexudicaría a economía e deterioraría o Estado do Benestar.

Tras negociar co secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, Sánchez conseguiu o seu compromiso de que se flexibilizaría ese requisito para o Estado español e que podería decidir soberanamente que investimento necesita facer para alcanzar os obxectivos de capacidades militares comprometidos coa alianza.

Porén, os estados da OTAN asumiron esta cuarta feira que o novo compromiso de gasto na organización fixarase en 5% do PIB, como exixe desde hai meses Trump, e apuntaron que non hai excepcións posíbeis ao acordo, polo que o Estado español fai "unha interpretación" do pacto, ao sinalar que cumprirá os requirimentos militares da alianza sen cinguirse a unha porcentaxe de gasto concreto.

Comentarios