Líderes da OTAN asumen o 5% do PIB en gasto militar e apuntan que non hai excepcións: "O de España é unha interpretación"

O secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, o pasado 27 de xaneiro en Madrid. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
Os estados aliados reúnense esta cuarta feira na Haia nunha cimeira cun único tema, a senda de investimento en defensa para a próxima década, e na que espera que todos os gobernos se comprometan co novo listón de gasto do 5% do PIB. Sobre a mesa está a proposta do secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, para dedicar o 3,5% a gasto militar puro e un 1,5% adicional para investimentos relativos a seguridade, receita coa que redondea ao limiar do 5% que reclama Donald Trump desde hai meses.

Os estados da OTAN asumiron esta cuarta feira que o novo compromiso de gasto na organización fixarase en 5% do PIB, como exixe desde hai meses o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e apuntaron que non hai excepcións posíbeis ao acordo, polo que o Estado español fai "unha interpretación" do pacto, ao sinalar que cumprirá os requirimentos militares da alianza sen cinguirse a unha porcentaxe de gasto concreto.

Á súa chegada á cimeira, o primeiro ministro belga, Bart De Wever, sinalou que o obxectivo de 5% é "realista" e é o que fixou a OTAN, que "non é parva", para reforzar o gasto militar en Europa, polo que subliñou que non hai cláusulas de escape posíbel á senda de investimento pactada polos 32 aliados.

"Gustaríame resaltar que non hai ningunha excepción. Todos aceptan o mesmo texto e é unha cuestión de interpretación. Teñen que facer o 5% e as capacidades", indicou o mandatario de Bélxica, Estado que sinalou as súas dificultades para alcanzar o novo listón mais evitou confrontar coa OTAN como si fixo o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que defende que o seu compromiso é cos requirimentos militares e poderaos cumprir investindo 2,1%.

"A interpretación de España é que poden realizar as capacidades sen facer o 3,5% do PIB, mais isto tense que ver", indicou De Wever, para engadir que "se esta é a súa interpretación, é a interpretación de todos" e comentar con ironía que Sánchez é un "xenio" se consegue completar os requirimentos investindo menos. "A xenialidade inspira ás persoas", remachou.

O seu homólogo noruegués, Jonas Gahr Store, valorou como "histórica" a declaración que asinarán os 32 aliados e que contén unha "ambición inmensa". "Tivemos problemas para chegar ao 2% e agora dicimos que é necesario ao 3,5% para alcanzar as nosas capacidades e ímolo a facer xuntos", incidiu. Unha vez a porcentaxe de gasto "está fixada", Store recalcou que "só será importante" se os aliados poden traducilo en investimentos en medios militares.

En declaracións previas á reunión, o primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, asegurou que o seu Estado irá aumentando o gasto militar nos próximos anos, aínda que puntualizou que o fará con "equilibrio" para non descoidar a situación financeira do país nin os servizos públicos, facéndose eco das dificultades de Portugal para elevar o gasto.

Polo seu lado, o 'premier' estoniano, Kristen Michal, mostrouse convencido antes da cimeira de que os aliados acordarán destinar o 5% do PIB en gasto militar. Ao ser preguntado sobre se teñen medo de que haxa outros estados que queiran seguir o camiño do español, que insiste en que con 2,1% do PIB bástalle para cumprir os obxectivos militares da OTAN, mostrouse "bastante seguro" de que se vai implementar o 5%.

Do lado de Grecia, o primeiro ministro, Kyriákos Mitsotákis, defendeu asegurar unha repartición xusta da carga e remarcou que non ten sentido que "algúns países se aproveiten dos compromisos do resto de socios", incidindo en que o compromiso co 5% é vinculante para os 32 membros da alianza.

Na mesma liña, o presidente de Lituania, Xitanas Nauseda, reivindicou Trump asegurando que a súa "presión" foi "útil para lograr o obxectivo". Sobre o acordo para o 5%, negou que haxa excepcións e fixo referencia á declaración da cimeira. "Non vexo ningunha interpretación no texto. Todos estamos obrigados, e este é o noso deber común, a facelo o mellor posíbel", indicou.

Para Viktor Orbán, primeiro ministro húngaro, o problema de fondo é que hai que cambiar "todo o cálculo do regulamento orzamentario da Unión Europea" para que os seus estados membro sexan capaces de cumprir co 5%. "Digan o que digan", indicou o líder do Goberno de Hungría.

Mentres, o anfitrión da cimeira, o primeiro ministro neerlandés, Dick Schoof, sinalou a importancia de acordar por unidade o novo obxectivo de gasto. "Acordamos en que necesitamos as capacidades e España dixo que cren que poden facelo con outra cantidade de financiamento, mais creo que cumpriremos coa unidade", subliñou, quen incidiu en que é posíbel elevar o gasto ao 5% no horizonte dunha década.

Os estados aliados reúnense esta cuarta feira na Haia nunha cimeira cun único tema, a senda de investimento en defensa para a próxima década, e na que espera que todos os gobernos se comprometan co novo listón de gasto do 5% do PIB. Sobre a mesa está a proposta do secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, para dedicar o 3,5% a gasto militar puro e un 1,5% adicional para investimentos relativos a seguridade, receita coa que redondea ao limiar do 5% que reclama Trump desde hai meses.