Bélxica descarta chegar ao novo obxectivo de gasto militar da OTAN "a curto ou medio prazo"
Bélxica deixou claro á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que está “actualmente nunha situación orzamentaria que non lle permitirá, nin a curto nin a medio prazo, alcanzar o famoso 3,5%, fronte ao 2% actual, para os gastos militares puros”, revelou a segunda feira Maxime Prévot, vice primeiro ministro e titular de Exteriores de Bruxelas.
Prévot referíase ao novo obxectivo de gasto militar da OTAN, exixido polos Estados Unidos e que a entidade prevé aprobar na cimeira que se desenvolverá a terza e a cuarta feira na Haia (Países Baixos), que estabelece un 5% do produto interior bruto (PIB) de gasto militar, dividido en 3,5% para armas, material militar e tropas e 1,5% para aspectos relacionados como a ciberseguridade ou as infraestruturas precisas para unha despregadura bélica.
“Está fóra do noso alcance, ou precisaremos un choque sistémico nos nosos ingresos, os nosos gastos e a nosa débeda, que xa están ao máximo”, incidiu, admitindo que “xa tivemos que facer recortes do gasto” por ese motivo.
Ao tempo, defendeu “crear unha coalición para avogar por unha maior flexibilidade” canda “outros países que non se amosan demasiado entusiastas ante este elevado nivel de gasto militar”.
Exención ao Estado español
Apenas 24 horas antes, o Estado español anunciara que fechou un acordo coa OTAN para que a alianza militar controlada por Washington lle outorgue flexibilidade á hora de non cumprir esa porcentaxe, e o presidente Pedro Sánchez (PSOE) asegurou que cun gasto de 2,1% en relación ao PIB sería suficiente para cumprir coas súas responsabilidades como membro.
Os Estados Unidos contestaron que todos os membros da OTAN deben gastar 5%, e que a única excepción posíbel serían eles propios.
