Os meios españois devecen polo coma inducido da revolución bolivariana

Non é esaxerado falarmos de ofensiva mediática dos mainstream media españois contra a revolución bolivariana. Hai apenas uns días, o ABC botábase á piscina sen saber se no vaso había auga cun titular sensacionalista que os feitos posteriores máis que desmentiron: "Chávez, en coma inducido". A viralidade das Redes Sociais encarregáronse de transmitir o titular urbi et orbe, dando pábulo non xa ao coma, senón ao propio óbito do líder venezolano.

  

A expresión fixo fortuna e hoxe El País, o medio referencial para o social-liberalismo e a socialdemocracia españolas, titula "Un país en coma inducido", un novo pinchacarneiro dialéctico na descarnada campaña de desestabilización de Venezuela, ofensiva carente de todo escrúpulo pois se xoga obscenamente coa saúde dunha persoa que representa as arelas e a vontade da grande maioría social do seu país (como se acaba de pór de manifesto nas recentes eleccións presidenciais, en que Chávez bateu a Capriles por ben máis diferenza da que tirou Obama a Romney).

O requinte e a sutileza de El País

Nesta cruzada dos meios hexemónicos españois contra Chávez (correlato da que levan emprendido contra todos os movementos populares e anti-neoliberais de América Latina), El País destácase polo seu maior requinte e sutileza. Sen se lixar tanto as mans como ABC no historial médico de Chávez -hai quen fai prognósticos sobre a evolución do paciente desde Florida!!!-, El País si que se ten esmerado en confeccionar un sofisticadísimo relato sobre as supostas loitas intestinas que se vivirían entre as bambalinas do sinistro chavismo.

 A ofensiva dos meios españois carece de todo escrúpulo e xoga obscenamente coa saúde dunha persoa que representa a vontade maioritaria do seu pobo

Seguindo a lóxica imperial do Divide et Impera, El País encirra imaxinarias pulsións escisionistas no interior do Partido Socialista Unido de Venezuela e debuxa duas azas enfrentadas, as que liderarían Nicolás Maduro -o sucesor indixitado por Chávez- e Diosdado Cabello -o recén reeleito presidente da Asemblea Nacional venezola. Nada importa que non se coñeza nen unha soa declaración nen movemento político obxectivo de refutación da designación de Maduro como hipotético candidato presidencial de faltar Chávez: que a realidade non che estrague nen un bon titular nen o relato que nos cómpre compor para servirmos á nosa campaña propagandística.

Visións alternativas

Felizmente, hai outras visións alternativas ás que desde as saudades da vella metrópole matritense se nos quer endosar, visións muito máis matizadas que nos falan de varios feitos obxectivos: 1. O movemento popular bolivariano ten sólidas raíces na sociedade venezolana (o cal non significa que a súa hexemonía non sexa reversíbel, como o é todo na historia); 2. Por suposto,que no Partido Socialista Unido de Venezuela hai diversas correntes e até liñas distintas, como en todo órgao vivo, mas ninguén cuestiona a lideranza alternativa de Maduro caso de incapacidade temporal ou eventual falecimento de Chávez; 3. A sociedade venezola ten perfeito dereito a decidir o seu futuro sen nengunha caste de inxerencia imperial, nen desde Washington nen desde Madrid.

Esta semana preséntase crucial para despexar dúbidas sobre o curto prazo da revolución bolivariana. Desde o Sermos Galiza estaremos atentos a como evolúan os acontecimentos, sen propaganda, sen preconceitos e procurando fontes fiábeis, vacinados fronte á campaña imperialista dos que teñen saudades da América colonial contra a que se ergueu Bolívar.

Comentarios