O Consello de Ministros impulsa un novo modelo de Formación Profesional

Punto e final á antiga FP co envío ao Congreso da proposta para unha nova Formación Profesional, que incluirá entre o 25% e o 50% de tempo lectivo en prácticas con contratos remunerados, adiantou Pilar Alegría, ministra de Educación e FP.
A ministra de Educación, Pilar Alegría, e a voceira do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, despois do Consello de Ministros. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
photo_camera A ministra de Educación, Pilar Alegría, e a voceira do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, despois do Consello. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

O lexislativo debaterá o Proxecto de Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional (FP) despois do acordo do Consello de Ministros desta terza feira, que decidiu aprobar o documento do Ministerio de Educación e FP, anunciou a titular da institución, Pilar Alegría.

Esta proposta “vai mellorar a vida de moitas persoas e da sociedade no seu conxunto”, afirmou a ministra, que incidiu en que achega “o modelo á realidade do tecido produtivo para que a FP sexa un modelo de éxito”, en liña co sistema aplicado en Estados como Alemaña.

Desde o Goberno estatal deféndese que se a norma vai adiante, permitirá “reducir as taxas de desemprego do país”, facendo fincapé na mocidade, que sufre un 35% de desemprego, “conseguirémolo con este modelo”, reiterou Alegría.

Amais da “oportunidade a unha xeración dun emprego de calidade e digno”, proseguiu, situando o obxectivo na formación permanente das traballadoras e traballadores, especialmente naqueles en activo e “que precisan actualizarse para manterse ou progresar” na súa ocupación actual.

Neste sentido, apuntou que as persoas novas con estudos de FP teñen unha taxa de desemprego seis veces inferior ao resto dese grupo de idade.

Novo modelo

Para converter a FP “na primeira opción formativa por parte dos estudantes” e facer máis doado “que as empresas obteñan os perfís profesionais que demandan”, Alegría transmitiu que un “sistema único” substituirá o dobre modelo de FP -un cun enfoque máis educativo e outro cara ao emprego-.

Toda a FP terá carácter dual”, explicou a ministra, que garantiu un período de prácticas en empresas de entre o 25% e o 35% do tempo lectivo, que se pode incrementar até o 50% nas formacións intensivas, estas bolsas contarán “cun contrato remunerado”, mantivo.

Estes criterios estenderanse a todas as titulacións, nas que se ampliará a oferta en 25 novos cursos vencellados “á dixitalización e a internacionalización”, centrados nos "sectores emerxentes”. Os territorios terán liberdade para “introducir os complementos formativos que demande a súa propia realidade”, detallou.

Relación coa universidade

Con este proxecto, aumentan “os vasos comunicantes” entre universidade e FP, considera a titular do Ministerio, que destacou o avance no que atinxe á acreditación da experiencia profesional das traballadoras e traballadores, calculando en 500.000 persoas o número de acreditacións no último ano, en contraste coas 300.000 que fixeran o mesmo proceso nos dez anos anteriores, co sistema previo.

A planificación gobernamental estima que máis de tres millóns de persoas formalizarán os seus coñecementos até 2024, ao tempo que se crean 200.000 prazas novas para estudar FP.

Máis de 5.000 millóns de euros

O Anteproxecto aprobado polo Consello de Ministros conta cun orzamento de 5.474 millóns de euros, dos que 1.550 millóns de euros proceden dos fondos da Unión Europea, indicou Alegría.

49 millóns de euros de investimentos na Galiza

A voceira do Executivo estatal e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, comunicou esta terza feira despois da reunión do Consello de Ministros que foran aprobados 49 millóns de euros de investimento na Galiza: 28,7 para unha variante da N-120 en Ourense, 13,9 para o mantemento de instalacións enerxéticas relacionadas coa alta velocidade, e 1,4 millóns para os traballos en dous cuarteis da Garda Civil.

Fin ás novatadas

Na sesión de hoxe tamén se acordou enviar a trámite parlamentar a Lei de convivencia universitaria, que resolve como falta grave as novatadas ou o plaxio de traballos de fin de Grao, Mestrado ou Doutoramento. Así como o acoso e o acoso sexual.

As sancións van desde a expulsión do centro universitario de dous meses a tres anos, até a perda de dereitos de matrícula durante un curso ou semestre.

Comentarios