Hamdok pacta cos golpistas e volve ser primeiro ministro entre críticas das forzas políticas do Sudán

Xiro dos acontecementos no Sudán coa restitución do deposto Hamdok como primeiro ministro, entre críticas das forzas políticas e sociais por "acordo de traizón".
O presidente alemán Frank-Walter Steinmeier xunta Abdalla Hamdok, presidente do Sudán. (Foto: Bernd von Jutrczenka / dpa)
photo_camera O presidente alemán Frank-Walter Steinmeier xunta Abdalla Hamdok, presidente do Sudán. (Foto: Bernd von Jutrczenka / dpa)

O deposto primeiro ministro do Sudán, Abdalla Hamdok, detido durante o golpe de Estado do 25 de outubro perpetrado polos militares, que arrestaron os compoñentes civís do Consello Soberano de Transición, reapareceu este domingo nunha rolda de prensa en Karthún, capital do país, co xeneral Al Burhan, que liderou o golpe e se investiu como líder do país.

Na comparecencia, anunciaron a sinatura dun acordo que restitúe a Hamdok como primeiro ministro e implica a liberación das e dos presos políticos detidos na sublevación, tras case un mes de mobilizacións populares que deixaron 40 mortos a mans da represión das Forzas de Seguridade e o Exército, informa o Comité central de médicos do Estado africano.

O documento aspira a sentar os alicerces para “continuar cos procedementos de consenso constitucional, legal e político que rexen o período de transición”, que comezou en 2019 co derrocamento da ditadura de Omar Al Bashir e en teoría remataría en 2022 cun proceso electoral.

Porén, fai fincapé en que “a asociación entre civís e militares é a base para a estabilidade do Sudán”, nunha negociación forzada polas protestas masivas en contra das Forzas Armadas e pola presión da Organización das Nacións Unidas e de institucións como a Unión Africana, apoiada pola Unión Europea e os Estados Unidos.

Na rolda de prensa, Al Burham xustificou o golpe para “reconsiderar o que se fixera e o que se fará no futuro”, e proclamou que Hamdok conta coa “confianza” das Forzas Armadas, mentres que o xa primeiro ministro destacou que as autoridades “traballarán para construír un sistema democrático sólido e unificar a todas as forzas políticas de Sudán”, recolle o Al Mashad al Sudani.

“Non nos interesa un acordo con esta xunta brutal”

A pesar diso, a meirande parte delas, agrupadas nas Forzas para a Liberdade e o Cambio, rexeitaron de xeito contundente o acordo. “Afirmamos a nosa postura clara e declarada previamente de que non hai negociación, asociación ou lexitimidade para os golpistas”, manifestaron.

Exixindo que o Exército sexa xulgados polos crimes cometidos contra a poboación, a coalición declara que seguirán na rúa con “métodos pacíficos innovadores”, salientando que “non nos interesa un acordo con esta xunta brutal”.

Esta posición foi secundada pola Asociación de profesionais sudaneses, a plataforma de sindicatos que encabezou as protestas que acabaron coa ditadura de Al Bashir, que definiu a noticia como “un acordo de traizón” que só atinxe a Hamdok e Al Burham,  e fai un chamamento “a continuar coa resistencia pacífica impulsando os comités veciñais e as entidades sindicais para alcanzar un Estado civil democrático”.

Ademais, explican o acordo como un intento de “perpetuar a autoridade do asasino Comité de Seguridade de Al Bashir”, que propugna a presenza dos militares nos órganos de dirección do Estado sudanés.

Comentarios