O Sudán mantense na rúa contra o golpe malia unha represión que deixa 39 mortes

Desde o 25 de outubro, a presión popular insta a saída dos militares do poder e que se sometan a un xuízo, mentres reprimen a poboación e anuncian a liberación dos presos políticos.
Manifestantes en Khartún (o Sudán) reclaman un Goberno civil e a renuncia dos militares que deron o golpe de Estado o 25 de outubro. (Twitter)
photo_camera Manifestantes en Khartún (o Sudán) reclaman un Goberno civil e a renuncia dos militares que deron o golpe de Estado o 25 de outubro. (Twitter)

Na cuarta semana após o golpe de Estado do Exército que acabou co Consello Soberano de Transición do Sudán, que compartían cos civís, milleiros de sudanesas e sudaneses volveron encher as rúas das cidades de Khartún, Khartún Bahri e Omdurman, as tres cidades máis importantes do país, para exixir aos militares que entreguen o poder a un Executivo civil e que sexan xulgados nos tribunais.

Tamén se rexistraron mobilizacións esta cuarta feira en cidades coma Port Sudan, Kassala, Dongola, Wad Madani e Geneina, mais o groso das marchas situouse nas tres cidades, que suman arredor de seis millóns de habitantes e forman un continuo urbano.

Despois de non ser capaces de impedir as protestas, cortando boa parte das estradas de acceso e suspendendo as comunicacións telefónicas, as Forzas de Seguridade dispararon cara ás e aos manifestantes balas reais e gases lacrimóxenos, reporta Al Jazeera, que sufriu a detención e posterior liberación do xefe da oficina no Sudán, El Musalmi El Kabbash.

Unha vez rematadas as marchas, o Comité central de médicos sudaneses, informou de que cando menos 15 persoas perderan a vida por mor dos disparos da policía, atopando feridas de bala “na cabeza, o pescozo ou o torso”, no que definen como “asasinatos premeditados”. Porén, salientaron que as persoas se mantiveron na rúa detrás de barricadas improvisadas.

Isto incrementou a 39 persoas a cifra de óbitos nas protestas desde o golpe do 25 de outubro.

Amais, hai “decenas de feridos por armas de fogo, algúns deles en estado grave” indican, e denuncian que foran arrestadas persoas feridas no interior dos hospitais.

Crimes de lesa humanidade

Para a Asociación de profesionais sudaneses, a entidade que agrupa as forzas que acabaron coa ditadura de Al Bashir en 2019, as accións das autoridades constitúen “inmensos crimes de lesa humanidade”, e aseguraron que “a masacre do día reforza as nosas consignas: sen negociación, sen asociación, sen compromiso” cos militares. As autoridades apenas recoñeceron unha morte e 30 civís feridos por asfixia con gas lacrimóxeno en declaracións ao xornal sudanés Al Intibaha.

Aínda que esta foi a protesta mais multitudinaria desde o golpe de Estado, o movemento popular estivo presente na rúa desde o primeiro día malia a represión. O pasado sábado, sete persoas faleceron por disparos das Forzas de Seguridade, nunha marcha despois de coñecerse que Al Burham, xeneral do exército e líder golpista, creara un novo Consello Soberano presidido por el, recolleu a axencia SUNA.

Institucións como a Organización das Nacións Unidas reclamaron a volta do deposto Consello Soberano de Transición encabezado polo deposto primeiro ministro Abdalla Hamdok. Pola súa banda, o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, advertiu desde Kenya dunha “recesión democrática”.

O Sudán foi vítima da inxerencia estranxeira para apoderarse dos recursos naturais ao tempo que se desenvolvían conflitos internos. Neste sentido, dous altos executivos da petrolífera sueca Lundin Energy foron imputados esta semana por axudar e instigar crimes de guerra no Sudán para garantir as operacións da compañía.

Anuncian que o primeiro ministro será liberado en breve

Os presos políticos no Sudán, incluíndo o primeiro ministro Abdalla Hamdok, serán liberados en breve, anunciou Malik Agar, un dos membros do novo Consello Soberano creado tras o golpe de Estado.

Agar confía en que é "probábel" voltar á situación previa ao golpe e chama ao diálogo entre militares e Forzas para o Cambio e a Liberdade após a liberación dos presos, por mor de que “ninguén pode discutir desde a prisión”
 

Comentarios