O Estado español e CE negocian as condicións dun rescate ao gosto dos mercados internacionais

Pensións, novos recortes, aumento da xornada laboral... As condicións que se están a negociar para o rescate do Estado español serían un salto considerábel na destrución dos dereitos laborais e sociais
De Guindos ante a UE

O Financial Times vén de informar das negociacións que están a manter a Comisión Europea e o Estado español para fixar as condicións principais que debería de cumprir de cara a recibir un novo programa de rescate. Hai unhas semanas, medios estadounidenses xa apuntaron que Bruxelas tiña clara unha listaxe de tarefas que o estado debería asumir para recibir o rescate. Todo iso entrementres o goberno de Rajoy xogaba a dicir que non habería máis condicións, posto que os deberes feitos até o de agora convencían UE e mercados. Mesmo o presidente español deixaba caer que non había présa por solicitar ese rescate.

Pois ben, o ministro de Economía, Luis de Guindos, está nestes días en xuntanzas e reunións con membros da Comisión Europea. Citas en que, segundo a prensa estranxeira, as indicacións son claras: as medidas deben de comezar a se aplicar antes mesmo da solicitude formal de rescate, para así dar seguridade e tranquilidade a acreedores e mercados internacionais. En liñas xerais, os obxectivos serían garantir que o Estado español cumpra cos obxectivos de déficit e cos obxectivos orzamentarios marcados desde Bruxelas.

Letra pequena

E en que se concretarían eses obxectivos? Aí as interpretacións son variábeis. Mais non poucos sinalan que o Estado español acabará percorrendo o mesmo camiño que xa se lle marcou a Grecia ou a Portugal. E que non haberá liña vermella. Mesmo a axencia Reuters informaba esta sexta que no executivo español xa se asume que vai haber que tocar as pensións e acelerar o proceso de retrasar a idade de xubilación a 67 anos, entre outras.

Alén de novos recortes (sanidade e educación, dous eidos que poderían ser de novo albo preferente das tesoiras) e axustes con impacto directo nas maiorías sociais, tamén hai quen apunta que a medio prazo comezaría a tratarse a ampliación da xornada laboral á par que o desmantelamento da negociación colectiva abriría as portas a unha redución de salarios no sector privado de entre o 20 e o 25% de media.

Bruxelas dicta, De Guindos escribe

Mais o que está a acontecer nos corredores de Bruxelas non sería tanto unha negociación entre iguais como máis ben un ditado de condicións por parte da troika das cales De Guindos toma nota. Hai quen sinala que non hai motivo para pensar que o trato vaia ser moi diferente do que mercados e institucións financeiras e políticas europeas deron a Grecia ou Portugal.

E cando?

Canto a ese rescate, desde o Financial Times dáse case por feito que será inminente. O goberno central é partidario de agardar a que pasen as eleccións vascas e galegas. Mais semella que iso, a xestión dos tempos, tampouco os manexa Rajoy.

Comentarios