A nova lei sobre o catalán nas aulas quedou aprobada en primeira volta

A norma foi rexistrada por PSC, ERC, Junts e Comuns.
Sesión do Parlament de Catalunya a finais de abril. (Foto: Parlament de Catalunya)
photo_camera Sesión do Parlament de Catalunya a finais de abril. (Foto: Parlament de Catalunya)

Despois de dous meses de estancamento nas negociacións para atopar un consenso sobre o catalán nas aulas, despois da sentenza dos tribunais españois con respecto á obriga do 25% do ensino en castelá, finalmente, a poucos minutos de fecharse o rexistro do Parlament català na terza feira, PSC, ERC, Junts e os comuns presentaron unha nova lei sobre a aprendizaxe das linguas, que fixa o catalán como lingua vehicular e o castelán como lingua de uso curricular, sendo esta última denominación o principal punto de disensión entre as catro forzas que rexistraron a lei.

Na xornada desta cuarta feira, ao comezo do pleno do Parlament, a lei superou a súa primeira votación, con 105 votos a favor e 28 en contra, despois dun debate no que os catro grupos asinantes fecharon filas en torno ao consenso e reivindicaron cadansúa perspectiva sobre o acordo.

Unha vez pasado este primeiro trámite, ábrese agora un período de emendas de 48 horas, e a sexta feira ao mediodía, previsibelmente, o texto quedará aprobado. Esta rapidez é así despois de que os partidos teñan movido ficha para tramitalo en lectura única, un procedemento de máxima urxencia que permite aprobar a lei neste mesmo pleno. A principal crítica veu desde a bancada da CUP. Dolors Sabater volveu insistir en que co pacto só se consegue "adaptar a lexislación ao 25% e converter en lei a sentenza". "Quen está a lexislar son os membros do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC), non os deputados, e quen pulsará o botón a sexta feira para aprobar a medida serán as togas", afirmou Sabater.

Robles pide cumprimento de 25% en lingua castelá

A ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, sostivo onte que as sentenzas deben cumprirse "sempre", en referencia á porcentaxe do 25% que pide o TSXC nas escolas. "As sentenzas hai que cumprilas sempre, é o único que lle podo dicir", limitouse a dicir Robles sobre a nova lei catalá en tramitación, que non estabelece un porcentaxe para a lingua castelá.

PP, Vox e Ciudadanos levarán a lei ao CGE

PP, Vox e Ciudadanos levarán a proposición de lei sobre o catalán nas aulas ao Consello de Garantías Estatutarias (CGE), o que podería impedir que a norma quedase aprobada antes do 31 de maio, data límite para executar a sentenza que obriga a impartir un 25% das clases en castelán. Así o anunciou o líder de Vox en Catalunya, Ignacio Garriga. Posteriormente fontes do PP e Ciudadanos confirmaron que secundarán o recurso.

Comentarios