Netanyahu di aceptar o plan de Trump feito á súa medida e ameaza Gaza se non é asinado: "Israel terminará o traballo"

"Isto pódese facer polas boas ou polas malas, mais farase. Preferimos a vía fácil, pero estes obxectivos deben lograrse, porque non libramos esta horrible batalla nin sacrificamos os nosos mellores mozos para que Hamás quede en Gaza e nos ameace unha e outra vez", afirmou o primeiro ministro israelí.
Benjamin Netanyahu e Donald Trump, esta segunda feira 29 de setembro. (Foto: Oficina do primeiro ministro israelí)
Benjamin Netanyahu e Donald Trump, esta segunda feira 29 de setembro. (Foto: Oficina do primeiro ministro israelí)

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, afirmou desde a Casa Branca que "apoia" o plan do presidente estadounidense, Donald Trump, para a Faixa de Gaza, que inclúe a formación dun órgano denominado 'Xunta de Paz' que presidiría o propio Trump e que supervisaría un novo goberno de transición no enclave palestino.

Con respecto á exclusión da Autoridade Palestina para gobernar a Faixa, deixou claro que esta require "unha transformación fundamental, xenuína e duradeira", que realmente se trata, segundo afirmou Netanyahu, dunha "transformación milagrosa".

Neste sentido, o plan de Trump nega a posibilidade de que nin Hamás nin a Autoridade Palestina lideren o novo goberno do enclave, unha máxima que racha totalmente coa soberanía do pobo palestino, ao serlle imposto un executivo integrado "por un comité palestino tecnocrático e apolítico".

No caso de que Hamás non se sume a esta formulación, ou que digan sumarse "e logo fagan todo o posíbel para contrarrestalo, Israel terminará o traballo de por si", ameazou Netanyahu, convertendo un suposto 'plan de paz' nunha imposición de condicións para a rendición final da poboación gazatí.

"Isto pódese facer polas boas ou polas malas, mais farase. Preferimos a vía fácil, pero estes obxectivos deben lograrse, porque non libramos esta horrible batalla nin sacrificamos os nosos mellores mozos para que Hamás quede en Gaza e nos ameace unha e outra vez", dixo.

Todo isto a pesar de que Israel é a primeira parte que xa anticipa o non cumprimento dalgúns dos acordos que recolle o plan ao ter negado nun vídeo publicado nas súas redes sociais a posibilidade dun camiño cara á autodeterminación e a creación do Estado palestino, así como a toma do control do territorio por parte da Autoridade Palestina unha vez implementadas certas medidas. Ambas as cuestións están recollidas no documento feito público pola Administración Trump.

Un plan feito á medida para Israel

"Apoio o teu plan para pór fin á guerra en Gaza, que logra os nosos obxectivos bélicos. Traerá de volta aos reféns, desmantelará a capacidade militar e política de Hamás, e garantirá que Gaza nunca volva representar unha ameaza para Israel", afirmou.

"Israel e os Estados Unidos poden cambiar a cara de Oriente Próximo, e hoxe teño a esperanza de que o seu plan o consiga de novo e pronto", declarou o primeiro ministro israelí nunha conferencia de prensa conxunta con Trump desde Washington.

"O seu plan é coherente cos cinco puntos que o meu Goberno estabeleceu para o fin da guerra e o día despois de Hamás", expresou durante a súa intervención, na que agradeceu Trump a súa "disposición para dirixir o organismo" internacional "encargado do desarmamento completo de Hamás e a desmilitarización de Gaza".

Así, considerou que, como o plan do tamén magnate neoiorquino inclúe unha retirada parcial das tropas israelís cara á zona fronteiriza "en función do grao de desmilitarización" das milicias palestinas, "algo que permitirá alcanzar todos" os seus "obxectivos bélicos sen máis derramamento de sangue".

Comentarios