25 anos despois de 'Do the right Thing'... Michael Brown

O asasinato dun mozo negro desarmado a mans da policía ten sido argumento de libros, películas e cancións en EUA, reflectindo unha realidade que non desaparece polo simple feito de haber un presidente afroamericano. Hai 25 anos estrenábase ‘Do The Right Thing’, un filme que desde a propia comunidade negra recomendan ver a Obama

radio-raheem-lee-thumb-640xauto-3726
photo_camera Fotograma de 'Do The Right Thing'

Michael Brown tiña 18 anos e faleceu despois de reciber 6 tiros da polícia, 2 deles na cabeza. Estaba desarmado e era negro. Mozo negro morre por disparos da policía é unha realidade que non é extraordinaria en EUA. A última, por agora, versión desta vella historia aconteceu en Ferguson (Misuri). A morte de Brown provocou unha vaga de protestos e as autoridades responderon decretando toque de queda e, así o decidiu o gobernador de Misuri Jay Nixon, á mobilización da Garda Nacional.

Mark Steyn, analista do Washintong Post, publicou un artigo (‘A ver quen lles di nada’) no que alertaba da forte militarización da policía estadounidense, afeita a resolver os problemas a tiros. No artigo, publicado no Estado español polo xornal El Mundo, lembra aos lectores que o de Brown non é un caso aillado.

De feito houbo varios Michael Brown nestes anos. En LA, en Chicago, en NY ou en Detroit e Nova Orleans. Mozos negros desarmados abatidos pola policía. Nomes como Sean Bell, cuxo auto recibiu 50 tiros dos axentes cando marchaba do clube onde celebraba a súa despedida de solteiro. Ou Timothy Tomas, de 19 anos, abatido nunha calexa cando voltaba a casa de mercar tabaco. Un axente considerou que a caixa de cigarros era un arma. Thomas era o cuarto afroamericano abatido pola policía de Cincinnati en seis meses. Ou Amadou Diallo, que recibiu 41 tiros a cargo de tres axentes da policía neoiorquina. Ía desarmado. A policía alegou que o confundira cun “violador”. Foron absoltos. Ou en 2012 Darius Kennedy, de 51 anos. Aínda que este caso foi distinto. Esgrimiu un coitelo aos policías. Metéronlle 12 tiros en plena rúa. Lexítima defensa. 

“Vouche contar a historia da man dereita e a man esquerda”

En 1989 estrenábase o filme ‘Do the right thing’ de Spike Lee. Unha película na que un mosaico de personaxes deambulan entre colores, calores e rap para configurar o devalar dun día en Brooklyn que remata co asasinato pola policía de Radio Rahim, un grandullón afroamericano de xigante radiok7 no ombreiro. O filme presaxiou tempos duros. Meses despois saían á luz as imaxes de Rodney King (conductor negro mallado bestialmente por policías) que fixeron ferver a comunidade afroamericana de EUA. A absolución dos axentes que protagonizarion a malleira por un xurado de brancos prendeu a mecha: disturbios en Los Ángeles, con mortos, feridos, detidos, tendas e comercios arrasados e o exército despregado nas rúas como se estivesen a entrar en territorio inimigo (en certo sentido, érao) O berro daquela revolta: ‘No justice, no peace’. Volveu agromar en Ferguson.

A banda sonora corría a cargo dos Public Enemy, cualificados polo FBI naquela altura como unha ameaza para os Estados Unidos. Declarábanse a CNN dos barrios negros. Letras de combate e denuncia bebendo de Malcolm X e dos Black Panthers martilleadas a ritmo de rap ruidoso e contundente.

O branco Springsteen

Mais a historia dos Michael Brown non foi só contada por negros, tamén foi narrada por brancos. No ano 2000 Bruce Springsteen gravou ‘American Skin’ (41 shots), no que contaba a historia real dun mozo de 22 anos asasinado por tres policías, que lle dispararon 41 veces. Boa parte da policía estadounidense (predominantemente de raza branca, of course) virou costas ao Boss para sempre.

O presidente negro

A morte de Michael Brown produciuse cun presidente negro na Casa Branca. Un presidente que foi perdendo cotas de popularidade entre a poboación afroamericana, que nunha parte significativa non o sinte como un dos seus. Michael Brown non é o primeiro negro morto de disparos pola policía durante o mandato de Obama. O presidente pediu en todos os casos que se esclareceran os feitos para facer xustiza e evitar que se repetisen. Semella que non tivo moito éxito.

Comentarios