Boric: grandes retos, grandes expectativas

O novo presidente ponse ao temón de Chile nun momento de tempestade.
EuropaPress_4156339_19_december_2021_chile_santiago_new_chilean_president_gabriel_boric
photo_camera Gabriel Boric celebra cos seus seguidores a vitoria electoral na segunda volta das presidenciais, o pasado 19 de decembro en Santiago (Foto: Felipe Figueroa / SOPA Images)

Unha sondaxe publicada esta semana reflicte que 47% dos chilenos pensan que ao país lle irá "moi ben" co Goberno de Boric; 36%, que "regular"; e 14%, que "mal", mais achega unha aceptación maioritaria (57%) da figura do novo presidente cunha imaxe "positiva ou moi positiva" del.

Gabriel Boric, o mandatario máis novo da historia do país e o máis novo do mundo na actualidade, asumiu na pasada sexta feira o seu cargo. A súa chegada á Presidencia de Chile, despois da revolución iniciada no outono de 2019, xerou grandes ilusións por mudar as fondas desigualdades que persisten no país 32 anos despois da fin da ditadura. Grandes, tamén, son os retos que afronta.

1. Convención constituínte

Tres semanas despois do inicio das protestas, Boric canda outros políticos de distintas tendencias asinou un acordo para mudar a Constitución que aínda rexe no país e que é herdanza do réxime de Augusto Pinochet (1973-1990). Fíxoo persoalmente, sen o apoio do seu partido, Convergencia Social, polo que o éxito do proceso está intimamente ligado ao éxito do propio Boric, que viu neste paso a saída institucional á crise. 

A asemblea de 155 membros electos encargada de redactar a nova Carta Magna deberá presentar unha proposta en xullo, para ser posteriormente levada a referendo. O recoñecemento da plurinacionalidade chilena, entre outras propostas progresistas, é criticada pola dereita ─que non ten maioría e síntese "excluída"─ polo seu "afán refundacional".

2. Conflito mapuche

Os enfrontamentos na militarizada rexión Macrozona Sur, que fai parte do territorio histórico do Wallmapu, a nación mapuche, foron en aumento nos últimos anos. Neste fanse cen anos do inicio do conflito, coa loita polas terras ─que as grandes empresas madereiras usan para o seu negocio deixando beneficios nulos e si pobreza ambiental a un pobo, o mapuche, con forte vencello económico e espiritual coa terra─ como catalizador. 

Boric manifestou o seu compromiso cos pobos orixinarios, aínda que entre os mapuches resultou decepcionante non ser incluídos no Gabinete ministerial. O presidente asegurou que así caduque o actual estado de excepción, o 26 de marzo, iniciarase "unha retirada ordenada das forzas de seguridade". Nas últimas horas, a ministra do Interior, Izkia Siches, suspendeu as reunións previstas na zona tras ser recibida a súa comitiva con tiros ao aire.

3. Crise económica

A desaceleración xeneralizada da economía global e a alta inflación, en parte pola fin dos paquetes de estímulo económico e fiscal relacionados coa pandemia, chega sen que se chegase a solucionar a fonda desigualdade social

Un panorama que será mesmo máis negro pola guerra en Ucraína, coa grave afectación á produción global de alimentos xa anunciada pola FAO, a axencia da ONU para a alimentación e o agro. Ademais, o conflito bélico elevou o prezo do petróleo aos seus niveis máis altos desde 2008, e Chile non produce cru ningún. 

O país está a ter en 2022 menor expansión do esperado, polo que cun orzamento fiscal tan axustado será que o Goberno de Boric deba manobrar. O seu proxecto estrela é estabelecer unha reforma tributaria progresiva, para que paguen máis as grandes empresas. 

Porén, nesta inestabilidade económica, sen crecemento, para o financiamento de dereitos sociais non abonda só con subir taxas impositivas. E todo isto para afrontar o maior reto de Boric: cumprir coas altas expectativas xeradas na poboación chilena. 

O atraso de Felipe VI adiou o inicio da toma de posesión

O novo presidente de Chile, Gabriel Boric, atribuíu a un atraso na chegada do rei de España, Felipe VI, que a cerimonia da súa toma de posesión da pasada sexta feira comezase con 15 minutos de atraso. "Pareceume ben inaceptábel que se atrasase a cerimonia porque o rei de España se atrasou. Mais, ben, son cousas que pasan", comentou na segunda feira pola noite (madrugada galega) nunha entrevista na canle T13, subliñando que "un ten que respectar os protocolos estabelecidos". 

Comentarios