O Chile plurinacional toma forma oficial

O pleno da Convención constitucional inicia as votacións do articulado.
A man with a face mask walks in front of a mural painted in support of the Mapuches.
photo_camera Un veciño de Santiago de Chile, diante dun mural de apoio á nación mapuche. Os pobos indíxenas supoñen 10% da poboación do país (Foto: Matias Basualdo / Contacto)

"Que esperanza ver como Chile escribe por primeira vez na súa historia unha Constitución de maneira democrática, paritaria, con participación de pobos orixinarios. E que así sexa xera debate, non lle teñamos medo", escribía esta cuarta feira en Twitter o presidente electo chileno, Gabriel Boric.

Facía referencia á votación que na terza deu comenzo no pleno da Convención Constitucional sobre o sistema xudicial e que continuou coa histórica decisión sobre a estrutura do Estado que está previsto que sexa aprobada na segunda xornada. Chile será oficialmente, se así o ratifica o pobo no referendo que deberá ser convocado antes de cinco meses, un Estado plurinacional.

Cada unha das normas, votadas individualmente, deben contar con dous terzos dos 155 membros da constituínte para seren incluídas na proposta de nova Carta Magna. Na terza, foron aprobados 16 dos 18 artigos da Comisión de Xustiza. Todos agás a inamobilidade dos xuíces e a norma sobre a "execución de resolucións". 

Si que obtivo o quorum o artigo 15, un dos que máis rexeitamento provocou nos representantes da dereita política. Trátase do titulado "Plurinacionalidade, pluralismo xurídico e interculturalidade", que versa sobre a convivencia entre o sistema tradicional de xustiza e os sistemas indíxenas.

"Todos os tribunais do país deben ser interculturais [...] así se garante no día a día o acceso á xustiza sen discriminación. En virtude da igualdade e da non discriminación, deben ser aprobados estes artigos, o primeiro acto de reparación no Chile plurinacional", defendeu Luis Jiménez, representante convencional aimara.

Elisa Loncón, ex presidenta da Convención Constitucional e representante mapuche, defendía na cuarta feira en entrevista en Radio Duna que os sistemas de xustiza indíxenas son normas "recoñecidas a nivel internacional", vinculados coa "libre autonomía dos pobos".

Descentralización

Nesta liña descentralizadora, estaba prevista a votación e aprobación na xornada desta cuarta feira chilena dos artigos correspondentes á Comisión de Formas de Estado. É dicir, a histórica mudanza dun Chile Estado unitario a un Chile plurinacional.

Literalmente: "Un Estado rexional, plurinacional e intercultural conformado por entidades territoriais autónomas, nun marco de equidade e solidariedade entre todas elas, preservando a unidade e integridade do Estado". É dicir, similar ao modelo federalista alemán ou ao autonómico español. 

Ademais, "o Estado promoverá a cooperación, a integración harmónica e o desenvolvemento adecuado e xusto entre as diversas entidades territoriais". Actualmente, Chile está divido en 15 rexións que dependen do poder central. Estas novas "entidades territoriais" aluden a "rexións autónomas, comunas autónomas, autonomías territoriais indíxenas e territorios especiais". 

A nova Constitución chilena terá, por tanto, unha especial consideración coas nacións orixinarias, garantindo "a súa supervivencia, existencia e desenvolvemento harmónico e integral; a distribución equitativa do poder e dos espazos de participación política; o uso, recoñecemento e promoción das linguas indíxenas que se falan nelas, propiciando o entendemento intercultural".

Tamén ─continúa─ "o respecto de formas diversas de ver, organizar e concibir o mundo e de relacionarse coa natureza"; cun importante engadido final, que non inclúen outros modelos constitucionais: "a protección e o respecto dos dereitos de autodeterminación e de autonomía dos territorios indíxenas, en coordinación co resto das entidades territoriais". 

"Maritorio", un novo concepto para un país que mira ao mar

A Constitución incluirá o novo concepto de "maritorio", a iniciativa de Tiare Aguilera, representante rapa nui, e Adolfo Millabur, mapuche lafkenche, polo que o Estado estará constitucionalmente obrigado a protexer todas as augas e os seus ecosistemas. "Para nós o mar ofrece espazos sagrados onde realizar actividades relixiosas que celebran a interdependencia entre o mar, a terra e os seres vivos [...] é pór en valor de que maneira o ser humano se sitúa como un elemento máis da natureza", expuxo Millabur. 

Comentarios