Medio millón de persoas afectadas polas chuvias torrenciais no Brasil

37 cidades do Brasil permanecen debaixo da auga após as chuvias torrenciais que se intensificaron a pasada quinta feira.
Un coche nas inundacións. (Foto: Jose Lucena / Zuma Press)
photo_camera Un coche nas inundacións. (Foto: Jose Lucena / Zuma Press)

As chuvias torrenciais que caeron desde a pasada cuarta feira no nordés do Brasil causaron até o de agora 18 mortes, con 72 cidades declaradas en situación de emerxencia e arredor de 480.000 persoas afectadas, sobre todo, no sur do Estado de Bahia, onde 37 cidades están asolagadas.

A Defensa Civil do Estado reportou que amais das persoas falecidas, 286 están feridas, e aproximadamente 20.000 foron evacuadas.
“É unha traxedia xigantesca, non lembro algo desta dimensión na historia recente de Bahia. A cantidade de casas, rúas e localidades completamente baixo a auga é realmente aterrador”, declarou o gobernador estatal, Rui Costa, despois de sobrevoar as zonas afectadas o pasado domingo.

Aínda que a situación non é nova -a vaga de chuvia leva en marcha varias semanas-, a ruptura de dous encoros na fin de semana, en Vitória da Conquista e Jussiape, provocou que varios ríos aumentaran até 10 metros a altura do seu caudal.

Ao tempo, os desprazamentos de terra por mor das chuvias xeraron interrupcións da circulación en 25 estradas, indicou a Secretaría de Infraestrutura de Bahia.

A situación espertou as críticas da poboación, que denuncia a falta de recursos de salvamento, “o mundo está acabando aquí no sur de Bahia e ninguén ve pola xente”, sinala Lorena Vicente, veciña da zona, a Globo.

Todo isto a pesar da visita hai dúas semanas do presidente, Jair Bolsonaro, que prometera axuda para os concellos máis afectados. 
Amais, forzas de seguridade federais e estatais, coa participación das autoridades de Estados como Minas Gerais, Sergipe, Espírito Santo ou São Paulo, impulsaron o sábado unha operación conxunta para tratar de brindar auxilio ás persoas afectadas polas inundacións.

Con todo, os medios do Brasil salientan que grupos de voluntarios conformados pola poboación da zona foron os encargados de rescatar a boa parte das persoas que quedaron illadas nas súas casas coa suba da auga, utilizando desde barcos a motos de auga.

Unha semana máis de chuvia

O asistente do Comando Xeral do Corpo de Bombeiros de Bahia, Jadson Almeida, subliñou que fai 32 anos que o Estado non vive unha situación semellante, “nunca vin un volume de auga tan grande de chuvia atinxindo tantas cidades ao mesmo tempo”.

As previsións meteorolóxicas apuntan que as chuvias continuarán unha semana máis.
 

Comentarios